Friday 22 de November de 2024

A Xunta asiste á constitución da mesa local de coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero do concello de Negreira


O obxectivo xeral da Mesa Local de Coordinación é a promoción, no ámbito municipal, de políticas e actuacións para a erradicación da violencia de xénero

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, asistiu hoxe á constitución da mesa local de coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero do concello de Negreira.

Segundo destacou a titular de Igualdade, o obxectivo xeral da Mesa Local de Coordinación é a promoción, no ámbito municipal, de políticas e actuacións para a erradicación da violencia de xénero, xa que segundo indicou a violencia machista constitúe o máis cruel expoñente da falta de igualdade na sociedade e un dos ataques máis flagrantes aos dereitos fundamentais das persoas constituíndo un atentado contra o dereito á vida, á seguridade e á liberdade, á dignidade e á integridade física e psíquica das vítimas e, polo tanto, un obstáculo para o desenvolvemento dunha sociedade mais xusta e igualitaria.

López Abella indicou que compete aos poderes públicos a loita para a prevención e a erradicación da violencia de xénero, coa obriga de articular medidas de sensibilización, asesoramento, atención e protección ás mulleres que a sofren, procurando os medios efectivos e axeitados a cada caso e as alternativas para o exercicio dos seus dereitos como cidadás nun estado democrático, e polo tanto,resulta fundamental coordinar todos os recursos dirixidos a sensibilizar a toda a sociedade na loita e prevención da violencia de xénero.

A Mesa Local de Coordinación contra a violencia de xénero do Concello de Negreira está composta por todas aquelas institucións e organismos necesarios para o desenvolvemento de accións tendentes á prevención e erradicación da violencia de xénero. Cabe destacar que todos os concellos de Galicia, teñen a súa disposición a “Guía práctica para a constitución das mesas locais de coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero” que elaborou a Secretaría Xeral da Igualdade e poden consultar e descargar no link: http://igualdade.xunta.gal/gl/programas/mesas-de-coordinacion-interinstitucional-ambito-local

López Abella destacou que a Secretaría Xeral da Igualdade, considera como obxectivos específicos desta Mesa Local de Coordinación contra a Violencia de Xénero a mellora da detección precoz de casos de violencia de xénero; optimizar a coordinación dos axentes implicados na loita contra a violencia de xénero; ofrecer unha atención e unha resposta áxil ás vítimas de violencia; mellorar a protección ás vítimas de alto risco; e informar e sensibilizar na materia tanto a profesionais como á poboación en xeral.

Ase mesmo, incidiu que é necesario que esa coordinación se estenda tamén ao ámbito municipal, favorecendo medidas de coordinación a través da posta en marcha e dinamización das Mesas Locais de Coordinación contra a Violencia de Xénero nos municipios de Galicia, como instrumentos para optimizar a cooperación de todas as entidades implicadas neste obxectivo común.