Saturday 16 de November de 2024

Instagramers británicos con máis de 133.000 seguidores visitan Galicia para difundir os valores da súa oferta turística


 Pertencen ao ámbito das viaxes e o turismo e, ademais das súas contas persoais na rede social Instagram, tamén representan a varios colectivos de usuarios senlleiros
 No primeiro cuadrimestre de 2016, 9.000 turistas británicos visitaron Galicia, un 14% máis que no mesmo período do ano anterior

Santiago, 1 de xuño de 2016.- Un grupo de británicos senlleiros da rede social Instagram que orientan o seu traballo na Internet cara a temáticas relacionadas coas viaxes e o turismo visitan Galicia para difundir os valores turísticos galegos nunha estadía organizada por Turismo de Galicia.

Estes instagramers especializados, que suman máis de 133.000 seguidores na rede, chegarán mañá, xoves, á Coruña e permanecerán en Galicia ata o próximo domingo, 5 de xuño, logo de visitar distintos lugares da Comunidade galega. Ademais, na súa estadía, terán a oportunidade de coñecer a gastronomía e a enoloxía de Galicia, así como o Camiño de Santiago.

Mercado británico
Con preto de 9.000 viaxeiros aloxados e 21.200 pernoitas hoteleiras, o mercado británico sitúase en quinto lugar no ranking de principais mercados estranxeiros ao representar no primeiro cuadrimestre do ano o 7,4% do total internacional.

Nestes catro meses, o turismo británico rexistrou un comportamento positivo superando nun 14% a cifra de viaxeiros aloxados e nun 38% o volume de pernoitas do mesmo período do ano anterior.

Turismo internacional
Continuando coa promoción da Comunidade galega como destino a nivel internacional, Turismo de Galicia ten previsto celebrar neste ano 2016 un total de 15 viaxes de familiarización e presstrips que achegarán a Galicia xornalistas e bloggers de Italia, Alemaña, Irlanda, Inglaterra, Xapón e Canadá, entre outras procedencias.

Grazas a esta firme aposta, o turismo internacional incrementouse no primeiro cuadrimestre deste ano 2016 nun 6,8% a súa cifra de viaxeiros aloxados e nun 6,6% o nivel de pernoitas do primeiro cuadrimestre de 2015.

Estre crecemento sitúa o nivel de pernoitas deste ano no máis elevado dos últimos oito anos e a cifra de viaxeiros nun máximo histórico, acadando o peso deste segmento de mercado o 18,1% do total da demanda turística regrada.