Este segmento de mercado acadou o 18,1% do total da demanda turística rexistrada en Galicia no primeiro cuadrimestre do ano
Segundo os datos publicados no día de hoxe polo Instituto Nacional de Estatística (INE), no primeiro cuadrimestre do ano, Galicia superou a cifra dos 920.000 viaxeiros, o que supón un incremento do 8,2% con respecto ao mesmo período do pasado ano. O número de pernoitas incrementouse tamén, nun 8,0% neste caso, acadando a nosa comunidade preto de 1,7 millón no conxunto da comunidade.
Estes incrementos permitiron que a nosa comunidade acadase o nivel máis elevado de pernoitas dende o 2010 nos catro primeiros meses do ano e a cifra de viaxeiros máis elevada dende o 2008 neste primeiro cuadrimestre.
A nivel estatal observouse tamén unha mellora dos niveis de demanda. En concreto a cifra de viaxeiros aloxados subiu un 10,0% mentres que as pernoitas incrementáronse un 9,8%.
Os dous principais segmentos de mercado mantiveron unha tendencia positiva, subindo o turismo nacional, un 8,3% no tocante as pernoitas e un 8,6% no que atinxe aos viaxeiros. Con estes incrementos, o mercado nacional supera por vez primeira desde o 2010 o nivel dos 700.000 viaxeiros e a cifra máis elevada de pernoitas dos últimos seis anos.
Pola súa parte, o turismo internacional incrementou nun 6,8% a súa cifra de viaxeiros aloxados e nun 6,6% o nivel de pernoitas do primeiro cuadrimestre de 2015. Estre crecemento sitúa o nivel de pernoitas deste ano no máis elevado dos últimos oito anos e a cifra de viaxeiros nun máximo histórico acadando o peso deste segmento de mercado o 18,1% do total da demanda turística regrada.
Tipoloxías de aloxamento
Neste primeiro cuadrimestre de 2016, o 91,8% da demanda turística regrada correspondeu aos establecementos hoteleiros porcentaxe que inclúe tanto aos hoteis –que representaron o 74,6%- como ás pensións –co 17,2% neste caso-.
O 8,2% restante, situouse no segmento extrahoteleiro, porcentaxe que reúne aos apartamentos turísticos –que representaron o 4,1% da demanda total-, aos establecementos de turismo rural –que supuxeron o 3,3% neste caso- e aos cámpings -que representaron o 1% do total da demanda regrada-.
Nestes primeiros catros meses do ano, destaca o crecemento rexistrado polos apartamentos turísticos galegos que incrementaron a súas pernoitas nun 53% e a súa cifra de viaxeiros nun 58%.