Os nenos e nenas, de idades comprendidas entre os 5 e os 13 anos, porán a proba as habilidades aprendidas durante o curso realizando 70 operacións aritméticas en 5 minutos
Catrocentos escolares de toda España, de idades comprendidas entre os 5 e os 13 anos, participarán este sábado 4 de xuño no VII Campionato Nacional ALOHA Mental Arithmetic, que terá lugar na cidade de Santiago de Compostela. Un evento organizado por ALOHA Mental Arithmetic, en colaboración co Concello de Santiago, e que foi presentado esta mañá por Antonio Palos, director de Expansión de Aloha; Ana Seijo, voceira de Aloha-Galicia; e Manuel Dios, concelleiro de Educación e Cidadanía de Santiago de Compostela.
Os participantes terán a oportunidade de facerse co título de Campión Nacional de Cálculo. Para iso deberán realizar 70 operacións aritméticas en 5 minutos, utilizando unicamente como ferramentas un ábaco, a súa axilidade mental ou as súas mans. Deste modo, o alumnado porá en práctica as habilidades aprendidas durante o curso a través do programa ALOHA Mental Arithmetic. Este programa de desenvolvemento mental, que se imparte a 15.000 alumnos de 500 centros escolares de toda España, ensina aos nenos e nenas a realizar as operacións matemáticas de sempre dun xeito diferente, máis rápido e máis eficaz.
Os responsables da organización apuntaron que “o programa ALOHA Mental Arithmetic baséase na visualización e na conceptualización. É dicir, os nenos aprenden a visualizar os problemas e as tarefas en forma de imaxes. Isto permite unha mellora da comprensión, un aumento da memoria e a adquisición dunhas habilidades analíticas que teñen un efecto positivo xeral sobre o rendemento escolar do alumno”. De feito, especifican que “9 de cada 10 alumnos de ALOHA melloraron o seu rendemento escolar no curso 2015-2016, incrementando a súa atención e concentración, así como aumentando a súa autoestima. Ademais, máis da metade obtivo mellores calificacións na asignatura de Matemáticas”.
A proba terá lugar no Colexio Público López Ferreiro, a partir das 9:00 horas. Os nenos e nenas participarán en distintas categorías, de acordo coa súa idade e formación. Os premios aos Campións Nacionais de Cálculo entregaranse ás 17:30 horas no Teatro Principal de Santiago. “O noso obxectivo non é realizar unha competición ao uso, senón máis ben unha gran festa na que os nenos se poñan a proba a si mesmos, o pasen ben e poñan en práctica os valores que promovemos dende Aloha Mental Arithmetic dende o primeiro día de clase: a constancia, o esforzo e a aceptación das diferencias individuais”, explican.
Novidade: Gymkana por Compostela
A gran novidad do VII Campeonato Nacional ALOHA Mental Arithmetic será unha divertida Gymkana na que os nenos, acompañados polos seus pais e coa única axuda do seu inxenio e dun móbil con conexión a Internet, deberán resolver unha das sete misións especiais que se desenvolverán nas rúas de Compostela. Misións tan especiais como evitar o roubo do Botafumeiro da Catedral, recuperar o Códice Calixtino, descubrir os ingredientes da Tarta de Santiago ou aprender a elaborar unha gaita.
Durante algo máis de dúas horas, cada familia, ben de forma independente ben en colaboración con outros grupos, deberá resolver un destes misterios relacionados coa historia e a cultura de Santiago. Para iso contarán coa axuda do Tuno Astuto, que lles irá ofrecendo pistas e plantexando enigmas para que cada grupo poida resolver a súa misión, así como de distintos personaxes que interactuarán con eles polas rúas de Compostela. Nesta xincana contan coa colaboración, entre outras, do Museo do Pobo Galego, da Fundación Eugenio Granell e do Museo das Peregrinacións.
Obradoiros en centros educativos
Co inicio do curso escolar 2016-207, durante os meses de setembro e outubro está previsto o desenvolvemento dun conxunto de talleres didácticos nos centros educativos de Compostela, dirixidos aos escolares de 1º e 2º de Educación Primaria. O obxectivo destes talleres é demostrar que o cálculo mental pode resultal unha actividade moi interesante e divertida, empregando xogos e exercicios máis característicos e interactivos de cálculo con ábaco e xogos didácticos. Con tal motivo, á maior brevidade posible realizarase a correspondente convocatoria de participación nestes talleres.
Referente mundial
ALOHA Mental Arithmetic naceu en 1993 en Malaisia, dende onde se foi expandindo por todo o mundo ata chegar a máis de 30 países dos cinco continentes, onde conta con máis de 250.000 alumnos. En España, onde está implantado dende 1999, benefícianse anualmente do programa máis de 15.000 alumnos de 500 centros educativos.
ALOHA Mental Arithmetic é un programa de desenvolvemento mental dirixido a nenos e nenas de idades comprendidas entre os 5 e os 13 anos. De carácter lúdico e interactivo, os pequenos aprenden mentras se divirten grazas a un programa educativo baseado en tres ferramentas básicas: cálculo con ábaco, aritmética mental e xogos didácticos.
A través deste programa, que conta coa certificación internacional de calidade ISO 9001-2008, os nenos exercitan simultáneamente os dous hemisferios do cerebro, sacándolle un maior partido á súa capacidade intelectual e desenvolvendo capacidades como a concentración, a orientación espacial, a creatividade e as habilidades analíticas. Isto permítelles mellorar significativamente o seu rendemento escolar.