Friday 22 de November de 2024

A XIX Festa do Maiores de Frades reuniu a cincocentos veciños e veciñas na carballeira de San Nicolau


O Concello de Frades homenaxeou aos catorce asistentes que superaban os 90 anos de idade

Cincocentas veciños e veciñas participaron na XIX Festa dos Maiores de Frades, celebrada este sábado na carballeira de San Nicolau (Frades). Un acto que estivo presidido polo alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez; pola conselleira do Medio Rural, Ánxeles Vázquez; e polo deputado autonómico Miguel Prado Patiño, que estiveron acompañados polo resto da corporación municipal así como por José María Botana, fillo predilecto de Frades.

A choiva condicionou todo o evento, pois non deixou de caer en toda a xornada, nalgúns momentos con especial forza. De feito, ante as malas condicións climatolóxicas previstas, o Concello de Frades optou por ampliar e reforzar a carpa instalada na Carballeira de San Nicolau, onde se realizaron todas as actividades previstas para a xornada: a misa, o xantar, o baile e os xogos tradicionais de Garabato de Xogos.

A festa comezou ás 13:00 horas cunha misa, cantada polo grupo folclórico Sarillo (Aiazo) quen tamén se encargou de animar asobremesas sobremesas do xantar. Tras a misa celebrouse o xantar de confraternidade, gratuíto para todos os asistentes e servido polo restaurante Casa Taboada (Touro). Como é habitual, o menú estivo composto por empanada, polbo e carne asada, con torta larpeira e xeado de postre.

Homenaxeados

O Concello de Frades homenaxeou aos veciños maiores de 90 anos participantes na festa, a quen o alcalde lles entregou unha figura de agasallo. Os homenaxeados foron: Antonio González Neira (90 anos, Papucín), Dolores Dono Suárez (92 anos. Papucín), Dosinda Fernández Lavandeira (91 anos. Galegos), Jesús Carro Mandaio (93 anos. Papucín), Isolina Souto Ares (91 anos. Frades), Isabel Fernández Regueira (90 anos, Gafoi), Edelmiro Souto Iglesias (93 anos. Gafoi), Adolfo Gestal Castro (90 anos, Gafoi), Visitación Bello Couceiro (94 anos. Ledoira), Antonio García Graña (90 anos, Moar), Ramiro López Cotón (99 anos. Aiazo), Rosalía García Corral (91 anos. Moar), Clodomiro Cabanas Naveiro (92 anos, Aiazo) e María Espiñeira García (95 anos. Aiazo).

O dúo Eva e Camilo foron os encargados de poñer a nota musical e non foron poucos os que se animaron a botar unha bailas, maiores de noventa anos incluídos.