Arredor de 80 rapaces subiranse este domingo ao escenario do Auditorio Municipal de Riveira con motivo do festival de fin de curso da Escola Municipal de Danza Clásica de Riveira: unha actividade que cumpre 19 anos e que dará comezo a partir das 20.30 horas.
A concelleira de Cultura Fabiola García e a profesora Cristina Riveira explicaron os detalles do festival, que estará integrado por un total de 4 coreografías.
Principiará coa actuación dos alumnos de menor idade para representar “Princesas bailarinas”, con música de Arnie Roth, e “Cinderela e Indomable”, con música de Nick Murray e Patrick Doyle: dúas pezas baseadas en bandas sonoras de películas. A continuación actuarán o grupo dos medianos e dos grandes coa complicada Sinfonía en C (con coreografía de Balanchine adaptada por Cristina Riveiro e música de George Bizet), dividida en “Cristais Rubís” e “Cristais Zafiros”.
A última obra interpretada será “O Mar”, con música de Dulce Pontes, na que a propia profesora Riveiro acompañará ao alumnado sobre o escenario, antes de dar paso á entrega de diplomas.
Tanto Fabiola García como Cristina Riveiro quixeron animar á veciñanza a que acudan a este festival de carácter gratuíto, podéndose retirar como é habitual as entradas media hora antes do inicio do mesmo.