O deporte venceu ao mal tempo
A III Carreira popular Concello de San Sadurniño non podía arrancar con peores presaxios meteorolóxicos. A xente do tempo anunciaba chuvias intensas durante toda a mañá e todo apuntaba a que, desta vez, ían acertar coas súas prediccións. E case atinan. Amenceu un día gris e os primeiros torbóns -continuación dos da noite- presentáronse no momento en que as primeiras persoas participantes recollían os seus dorsais. Incluso a proba de Escolares A que inaugurou a carreira se desenvolveu baixo auga espesa e fortes rafoladas de vento. Con todo, a cousa foi indo a mellor pouco a pouco e, malia caer algunha pinga máis, a cita de San Sadurniño rematou baixo un sol espléndido e deixando un fantástico sabor de boca pola organización, polo trazado e pola puntualidade do programa.
A esta terceira edición da carreira popular presentábanselle dous retos organizativos para que o éxito da proba fose total. O primeiro deles era o do tempo -do que xa falamos- e o segundo, superar con nota a loxística humana e material dun evento que medra exponencialmente en participación, posto que pasou de 500 deportistas en 2014 a máis de 800 este ano. Neste sentido o único que se notou foi unha certa aglomeración na saída da carreira absoluta. Cómpre ter en conta que nela inscribíronse máis de 600 persoas e a pesar de que os primeiros 400 metros eran neutralizados, os compases iniciais da carreira tamén son o momento en que a xente máis competitiva aproveita para ir ganando unha boa posición de cara ao arranque do crono, situado uns metros antes do mesón A Granxa.
Freando o pelotón mentres non arrancase a proba de forma oficial marchaba un grupo de ciclistas do Biela e Chaveta que, ademais, tamén se encargaron de pechar tanto esta como o resto de competicións dunha mañá que comezou coa proba da categoría de Escolares A, tanto masculina como feminina. Tiveron que darlle dúas voltas a un circuito que non saía do arboredo de especies autóctonas. 1.000 metros que Ángel Breijo e Laura Rico completaron en 3.32 loitando contra unha potente treboada.
Tralo remate desta carreira foi cando saiu a dos 5 quilómetros, que englobaba todos e todas as participantes maiores de 13 anos, é dicir, Escolares B e C, Sub 23, Senior e as tres categorías de Veteráns. O percorrido iniciouse na estrada de Cornide cos xa mencionados 400 metros neutralizados, posteriormente os e as deportistas encararon a estrada de Ferreira para desviarse logo cara á Bidueda e, posteriormente, torcer á esquerda con destino a Intasa e volver de novo á estrada de Ferreira para repetir o ciclo Bidueda-Intasa antes de tirar de novo para o arboredo da Cortiña.
O Senior Diego Ruíz foi o máis rápido en completar os 5 quilómetros, cun tempo de 16 minutos e 16 segundos, seguido polo Veterán A Jose Ángel López (a 8″) e o tamén Senior Carlos Bouza (+24). Un dos favoritos, o Sub 23 Sergio Piñón, chegou á meta en 5ª posición e dando sinais de non estar ao cento por cento para esta proba.
Outra das sorpresas deuna María del Carmen Jiménez, a Escolar B -categoría para rapazada de 13/14 anos- que fixo o mellor tempo feminino tanto nesta categoría como na proba absoluta (19.50) e 35 postos por riba da seguinte clasificada, a veterana Eva Babiano. En terceira posición feminina (posto 108 da xeral) quedou a tamén veterana Patricia Rojas.
O remate da proba absoluta marcou a chegada do sol e os preparativos para as categorías dos nenos e nenas máis pequenas. A de Benxamíns -tamén nun circuito no arboredo da Cortiña- saiu ás 13.00h. con victoria masculina de Pablo Caneiro e feminina de Antía Arnoso. Posteriormente desenvolvéronse o resto de carreiras non competitivas de Pitufos e Biberóns, sen dúbida as que máis público xuntaron.
A entrega de trofeos iniciouse, puntual, sobre as 13.30h. Momento de recoñecer a colaboración de casas comerciais e outras entidades que colaboraron no desenvolvemento dunha carreira organizada polo Concello, o CPI e a Federación Galega de Atletismo e que xa se consolidou como unha das máis numerosas da comarca malia a súa xuventude. No Facebook do Concello de San Sadurniño hai unha completa galería fotográfica a alta resolución con imaxes das distintas probas e da entrega de trofeos.
A próxima semana, máis
A cita de San Sadurniño forma parte do primeiro circuito comarcal Corre polo Norte. A próxima carreira terá lugar o sábado que vén en Moeche e as tres últimas probas celebraranse o 9 de xullo en Cerdido, o 13 de agosto en Ortigueira e o 4 de setembro en Mañón.
O circuito prevé premios en metálico para a ganadora e ganador absolutos da rolda de oito carreiras. Hai máis información na web www.prueba-t.es