Friday 22 de November de 2024

Turismo pon en marcha o VI Circuíto de Golf Sénior para promocionar Galicia como destino na práctica deste deporte


A competición, que se inicia mañá, percorrerá diversos lugares de España e disputará a final no mes de outubro no Balneario de Mondariz

Turismo de Galicia pon en marcha o seu VI Circuíto de Golf Sénior, que disputará a fase de clasificación nos campos de golf de diversos puntos de España para promocionar Galicia como destino na práctica deste deporte. A competición, que se inicia mañá en Madrid, celebrará a súa final no mes de outubro no Balneario de Mondariz. O evento conta coa colaboración da asociación Galicia Destino Golf, que representa ao sector empresarial do turismo de golf na Comunidade.

Este torneo xa é un evento de referencia a nivel nacional grazas ás cinco edicións anteriores, celebradas dende 2011, o que contribuíu a posicionar Galicia como destino de golf e, concretamente, entre o público sénior, maior de 50 anos. Neste sentido, o obxectivo de Turismo de Galicia é atraer a Galicia a este turista, que dispón de tempo e recursos, e poñer á súa disposición unha oferta de calidade non só en torno a este deporte, senón tamén en canto ao termalismo e á enogastronomía.

Turismo de Galicia aposta por esta combinación para consolidar a oferta diferencial da Comunidade, atendendo ás demandas deste público xa que o termalismo e a enogastronomía son aspectos moi valorados polo xogador sénior de golf. De feito, a celebración desta actividade está programada no Plan de Acción da Estratexia de Turismo de Galicia para o ano 2016 como unha medida para desenvolver produtos turísticos especializados dirixidos a segmentos de público específicos que articulen un turismo multiexperiencial xa que atraerá novos fluxos de visitantes e axudará a erradicar a estacionalidade da demanda turística.

Datas e lugares de celebración
A fase clasificatoria do Circuíto terá comezo mañá en Madrid no campo do Club Jarame RACE e finalizará o 7 de xullo en Asturias, no Real Club de Golf La Barganiza. Entre estas dúas datas, o evento tamén se xogará no Alta Golf Club da Rioxa, o 8 de xuño, no Club de Campo Señorío de Zuasti de Navarra, o 23 dese mes, e no Real Nuevo Club San Sebastián Basozabal, o día 29. A final terá lugar en Galicia, no campo de golf Balneario de Mondariz, os días 10 e 11 de outubro.