Saturday 16 de November de 2024

A Xunta apoia o pacto de Amsterdam a prol dunha política urbana integrada na Unión Europea


O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou en Amsterdam no órgano de dirección do Comité das Rexións que debateu sobre a Axenda Urbana Europea

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou hoxe en Amsterdam na reunión da mesa do CdR, o máximo órgano político do Comité, do que é membro. Na reunión participou Corina Cretu, comisaria de Política Rexional, Jan Vapaavuori, vicepresidente do Banco Europeo de Investimentos (BEI), e Iskra Mihaylova, presidenta da comisión de Desenvolvemento Rexional do Parlamento Europeo, ademais do presidente do CdR, Markku Markkula.

Durante o encontro, Gamallo subliñou o fito que constitúe o Pacto de Amsterdam como compromiso dos Estados membros de incluír aos entes locais e rexionais na elaboración das políticas nacionais e europeas para facer fronte aos retos urbanos. Entre estes desafíos están a calidade do aire, a atención aos inmigrantes, a vivenda ou a innovación.

Aproveitando a reunión da Mesa do Comité das Rexións tivo lugar un Foro sobre Axenda Urbana Europea, organizado polo Comité das Rexións (CdR) xunto á Asociación Holandesa de Municipios, para debater sobre a posta en práctica da Axenda Urbana da UE, cuxo marco operativo foi adoptado hoxe nunha reunión informal dos ministros do ramo celebrada na capital holandesa. A Axenda Urbana supón un esforzo conxunto da Comisión Europea, os Estados membros e as distintas redes de cidades europeas para reforzar a dimensión urbana das políticas europeas.

O obxectivo é mellorar a implementación sobre o terreo das políticas da UE relacionadas coas cuestións urbanas e involucrar a outros actores urbanos interesados no deseño destas políticas. Os membros do CdR aplaudiron o lanzamento do Pacto de Amsterdam, pois contribuíran activamente ao seu deseño mediante a elaboración de senllos ditames de opinión en 2014 e 2016. Os participantes no Foro defenderon que o acordo escenificado hoxe na capital holandesa supón un auténtico avance na creación de cidades máis sostibles e eficientes, e recalcaron unha vez máis a necesidade dunha vontade política clara para que a Axenda Urbana funcione correctamente.

Impulso ás cidades intelixentes
“Diversos estudos estiman que a poboación mundial se vai dobrar de aquí ao ano 2050 e que en 2030 seis de cada dez persoas vivirán en cidades. O planeta estase facendo máis urbano e neste proceso as cidades deben ser máis eficientes e intelixentes”, defendeu. O seminario contou coa participación de representantes da Comisión Europea, o Parlamento Europeo e o alcalde da cidade holandesa de Delft.

As cidades galegas, camiño de se converter en “cidades intelixentes”
Gamallo subliñou que Galicia ten un bo camiño andado neste eido, xa que conta con proxectos en marcha en varias das cidades galegas. Entre as iniciativas postas en marcha na comunidade destaca a de Coruña Smart City, proxecto deseñado para impulsar o entorno económico e empresarial da cidade dende a innovación tecnolóxica. Esta iniciativa de cidade intelixente atende a eidos tan diversos como a xestión de infraestruturas urbanas, o apoio ao comercio e ao turismo e a administración electrónica. Ademais, outras localidades como Vigo, Santiago, Lugo, Pontevedra e Ferrol desenvolveron nos últimos anos os seus propios proxectos neste eido.

O Comité das Rexións
O Comité das Rexións é a asemblea consultiva na que están representados os entes locais e rexionais da UE. Está composto por 350 membros, 21 dos cales son españois. En representación da Comunidade Autónoma de Galicia o membro titular é o propio presidente da Xunta de Galicia, mentres que o cargo de membro suplente recae no director xeral de Relacións Exteriores e coa UE.