Friday 22 de November de 2024

A Amtega publica o portal “Faite Dixit@l”, que integra todos os recursos e iniciativas do Plan de Inclusión Dixital de Galicia


O Plan ofrece á sociedade galega un servizo integral de dixitalización para que todo o mundo poida explotar e aproveitar o potencial das TIC a nivel persoal, profesional e relacional

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) vén de publicar o portal Faite Dixit@l, a páxina que integra nun único espazo os servizos, proxectos e actividades impulsadas no Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020.

Coa posta en marcha de http://faitedixital.xunta.gal/, a cidadanía conta cun único punto de acceso ás distintas iniciativas que se están a desenvolver en Galicia en torno aos tres eixos principais do Plan, tanto os da alfabetización e a capacitación dixitais, como o orientado ao impulso da innovación social dixital.

Estrutura da Web
Faite Dixit@l dispón dunha portada inicial, onde se presenta o Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020, así como a formación e os proxectos dispoñibles en cada un dos tres eidos de actuación. O resto do contido estrutúrase en cinco bloques: A Estratexia, Os Aliados Dixitais, Os Servizos, Os Recursos e A Actualidade.

No apartado da Estratexia, a web ofrece toda a información relacionada con Plan de Inclusión Dixital de Galicia: os seus valores, obxectivos, os destinatarios, os servizos, así como o camiño percorrido cos proxectos da Rede CeMIT e o Programa de Voluntariado Dixital, xa que foron o punto de partida para posta en marcha do Plan.

O espazo dos Aliados Dixitais explica os pasos para adherirse ao Plan como aliado dixital e mostra os diferentes perfiles de aliados: mecenas, referentes, menores, voluntarios e entidades colaboradoras, e as súas achegas.

O bloque dos Servizos presenta o catálogo de servizos dixitais dispoñibles tanto de formación presencial, teleformación, certificación de competencias dixitais en ofimática, proxectos e iniciativas singulares, faladoiros e apoios dixitais.

En Recursos os usuarios acceden aos diferentes tipos recursos que teñen a súa disposición: a rede de aulas CeMIT, o mapa de e-Servizos de inclusión dixital, a comunidade virtual do voluntariado dixital, o espazo multimedia de aprendizaxe así coma contidos e publicacións de interese. Finalmente a web tamén dispón dun apartado de Actualidade, que permite acceder as novas e eventos, proxectos, informes de interese en torno á inclusión dixital.

Accesibilidade e fácil navegación
A organización dos contidos céntrase en darlle un maior protagonismo aos usuarios finais do Plan de Inclusión Dixital, xa que facilita a busca e acceso áxil á información que máis se adapte as súas necesidades, cuns contidos estruturados.

Ademais, o deseño interactivo e innovador faino máis atractivo aos usuarios e o ton e linguaxe accesible e amigable facilita a lectura. Faite Dixital interacciona coas outras Webs operativas relacionadas co Plan como a da Rede CeMIT: https://cemit.xunta.gal, a do voluntariado Dixital: https://voluntariadodixital.xunta.gal, a do Centro Demostrador TIC: https://cdtic.xunta.gal/ e o Blog Xente Dixital http://blogs.xunta.gal/xentedixital/es/

Un Plan con máis de 700 aliados
O Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020, presentado o pasado 18 de maio ante os máis de 700 aliados cos que conta, busca acadar unha sociedade plenamente dixital formada e capacitada no uso das tecnoloxías, capaz de explotar e aproveitar todo o potencial das TIC a nivel persoal, profesional e relacional.

Cun orzamento de máis de 7 millóns de euros en cinco anos o Plan articúlase en torno a un novo modelo de relación flexible e en rede, sustentado en alianzas dixitais entre a Xunta de Galicia e os diferentes axentes do ecosistema dixital que permitirá sumar capacidades, recursos e iniciativas.

O Plan ofrece á sociedade galega un servizo integral de dixitalización que abrangue desde as accións para a alfabetización dixital ata aquelas que permitan a calquera persoa, independentemente do nivel dixital no que se atope, avanzar, madurar e acceder a maiores niveis de coñecemento e uso das TIC. Para acadar este obxectivo o Plan establece actuacións en 3 grandes eixos estratéxicos: a alfabetización dixital, a capacitación dixital e a innovación social dixital e participativa.