A cociñeira local Karina Carreira elaborou en vivo distintas receitas con varios produtos adquiridos nos postos
A Praza de Abastos de Ordes acolleu a degustación das receitas elaboradas pola cociñeira Karina Carreira. O showcooking organizado con motivo da campaña ‘Quere o teu mercado’ arrancou dende media mañá e atrouxo a todas e todos os que acudiron a realizar as súas compras.
Xurel escabechado, pisto de verduras con xamón ou tallaríns de verduras foron os pratos que in situ se elaboraron nunha cociña especialmente montada para a ocasión. Deste xeito os asistentes tiveron a oportunidade non só de probalos senón tamén de pedir consellos, aprender trucos ou resolver dúbidas. Entre eles non faltaron representantes do equipo do Goberno local, como foi o caso dos concelleiros Xosé Manuel Mira e Xosé Manuel Rodríguez. Con esta iniciativa preténdese promover e incentivar o consumo dos produtos que se poden adquirir nos postos deste mercado situado no centro de Ordes, amosando formas orixinais e diferentes de preparalos.
Aproveitando a ocasión, ademais, se levou a cabo a presentación do concurso local de tapas ‘De bo dente’, o cal se desenvolverá entre os bares e establecementos hostaleiros do municipio no mes de xullo.
‘Quere o teu mercado’ é o lema en galego da Campaña Internacional dos Mercados, promovida pola Xunta de Galicia en colaboración cos Concellos, as Prazas de Abastos e as Federacións e Asociacións de comerciantes. Como obxectivo principal está o de destacar o papel dos mercados nas cidades, potenciar a compra do produto local e enxalzar a profesionalidade de praceiros e praceiras.
En total hai que falar de máis de 50 mercados de toda Galicia nos que se están a realizar distintas actividades do máis variado para visualizar, promover e activalos, incentivando a creación de novos negocios para a revitalización deste sector do comercio. No caso da Praza de Abastos de Ordes tamén se repartirá material promocional entre a clientela, como bolsas, mandís, doces, bandeirolas etc.