O PSOE de Ordes instará ao Concello de Ordes a construír unha ponte en Barbeiros que comunique os municipios de Ordes e Frades, concretamente nunha pista que parte da estrada de Barbeiros ao Peñasco e que vai ata O Pedrouzo e Fondo da Vila (Frades). “Nun tempo pasado había unha ponte que permitía atravesar o río pero na actualidade xa non está, polo que para salvar o río os veciños e veciñas teñen que ir ata unha estrada como a AC-524 Ordes-Lanzá, que rexistra moito tráfico pesado”, explica a voceira municipal socialista, Verónica Gómez.
Os socialistas de Ordes consideran que a construción desta ponte suporía unha clara mellora para a calidade de vida dos veciños e veciñas de ambas marxes do río, das parroquias de Barbeiros (Ordes) e Abellá (Frades), polo que “entendemos que ambos Concellos, Ordes e Frades, deberían chegar a un acordo para proceder á construción desta ponte”.
Así mesmo, na próxima sesión plenaria os socialistas de Ordes solicitarán o arranxo dun vial no lugar do Ceidón, cuxo pésimo estado de conservación non só dificulta a circulación dos vehículos senón que mesmo está a causar danos materiais neses coches que transitan por el.