Luis Menor participou hoxe na inauguración do I Congreso galego de seguridade viaria ‘cidade de Narón’, no que participa a Academia Galega de Seguridade Pública
O director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor, participou na inauguración do I Congreso galego de seguridade viaria ‘cidade de Narón’, no que participa a Academia Galega de Seguridade Pública, AGASP.
Luis Menor, que estivo acompañado do alcalde da localidade, José Manuel Blanco, destacou a importancia que a educación e a seguridade viaria ten para a AGASP, ao constituír un dos piares básicos na formación continua que reciben os policías locais de Galicia.
Neste sentido, avanzou o proxecto de constituír un itinerario formativo en seguridade viaria para a Policía Local e a Garda Civil, onde a educación viaria ocupara un posto determinante, considerando aos propios axentes como os mellores transmisores desta información.
De feito, no que levamos de ano a AGASP xa realizou dez cursos de formación continua na materia , formando a máis de 200 profesionais da Policía Local e da Garda Civil. Ademais, colabora con entidades e administracións en todas as iniciativas, onde a seguridade, en especial a vial, figure como obxectivo primordial. As xornadas desta mesma mañá en Narón son un exemplo claro deste compromiso.
XI Xornadas Estatais de Educación Viaria
Entre os días 18 e 20 de maio, a AGASP tamén acolleu a celebración das XI Xornadas Estatais de Educación Viaria, co obxectivo de consolidar e mellorar as accións destinadas ao desenvolvemento da educación viaria para que sirvan de ferramenta á hora de previr ou minorar a incidencia dos accidentes de tráfico.
Así, ao longo dos tres días que durou este evento, presentáronse proxectos de educación viaria que se están levando a cabo en toda España e numerosos obradoiros relacionados coas novas tecnoloxías e a súa aplicación á seguridade.