A Xunta de Goberno aprobou hoxe o convenio para a cesión de tres vivendas á Federación de Asociacións de Familiares de Persoas con Enfermidades Mentais de Galicia (Feafes), que serán utilizadas por persoas sen teito que se atopen nunha situación severa de exclusión social.
O alcalde explicou que, deste xeito, se poderá poñer en marcha en Compostela o modelo “Housing First”, que xa funciona noutras cidades europeas. Trátase dun modelo innovador que entende que para que as persoas sen fogar superen a súa situación de exclusión, o primeiro que lles hai que facilitar é unha vivenda. Deste xeito, son menos vulnerables ante outros problemas que padecen, relacionados por exemplo coas adiccións.
Das tres vivendas que se porán a disposición de Feafes, dúas serán para acoller a dous homes, e a terceira para dúas mulleres. Martiño Noriega salientou que este programa “completará outras medidas habitacionais que ven deseñando o Goberno local, coma os convenios con hostais para o aloxamento das persoas sen teito”.
O alcalde explicou que as persoas que utilicen as tres vivendas de propiedade municipal estarán tuteladas en todo momento por Feafes, unha das entidades participantes nas mesas de sen teito e cunha gran experiencia no tratamento de persoas con problemas mentais ou de adiccións. Noriega amosou o seu convencemento de que “ter estas vivendas á súa disposición pode ser o primeiro paso da rehabilitación de persoas que están presas dunha catástrofe vital”.
Nova escola infantil
A Xunta de Goberno aprobou hoxe unha proposta conxunta dos concelleiros de Espazos Cidadáns e Educación, relativa ao convenio de colaboración entre o Concello, o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e a Fundación Amancio Ortega para a construción dunha escola infantil no barrio do Castiñeiriño. Trátase do segundo paso para que o centro se converta nunha realidade, despois de que a Xunta de Goberno autorizara tamén a cesión dos terreos.
O alcalde salientou que “este acordo responde a unha demanda da cidade, ante a escaseza de prazas de gardería e, sobre todo, ante o crecemento demográfico que ven experimentando o barrio do Castiñeiriño”. A escola infantil será financiada pola Fundación Amancio Ortega, e deberá entrar en funcionamento en setembro de 2018. Prevese que teña un máximo de 82 prazas.
Relacionado coas escolas infantís, a Xunta de Goberno aprobou as listaxes definitivas de admitidos, excluídos e listaxe de agarda nas escolas infantís municipais de Conxo, Fontiñas e Meixonfrío-Salgueiriños para o curso 2016-2017.
En materia de obras, a Xunta de Goberno tamén acordou hoxe a resolución do contrato do Proxecto de renovación de pavimentos da rúa Rapa da Folla, que lle fora adxudicado á empresa Construcciones Iglesias Mera por un importe de 25.780 euros máis IVE. A actuación non se pode realizar tal e como estaba prevista na licitación, porque a rúa está afectada polas obras das lindeiras Carreira do Conde e Montero Ríos. A empresa terá que ser indemnizada con 773 euros.
Outros acordos
A Xunta de Goberno aprobou aboarlle á Fundación Refuxio de Animais un anticipo a conta da contía prevista no convenio de colaboración de 2016, por un importe de 61.803,73 euros. Con esa cifra, a Fundación poderá facerlle fronte a débedas con provedores e ao pago de nóminas.
Tamén se acordou prorrogar, por un prazo de tres meses, o contrato coa empresa encargada da limpeza dos edificios e dependencias do Concello. Por último, a Xunta de Goberno autorizou a supresión de prazas de aparcamento nas rúas Hospitaliño, Loureiros, Atalaia, Enfesta, Altamira e Touro, atendendo a motivos de seguridade.