Saturday 16 de November de 2024

Novos cursos de atención sociosanitaria no concello de Ordes


As inscricións xa se poden realizar tanto na oficina de emprego de Ordes como na páxina web do Servizo Público de Emprego de Galicia. Impartiranse a partir do vindeiro mes de xullo

A Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de concederlle ao Concello de Ordes dous cursos de atención sociosanitaria. Ambos están integrados na súa programación de accións formativas para persoas desempregadas e darán comezo a partir do mes de xullo.

O curso de atención sociosanitaria para persoas dependentes en institucións sociais terá unha duración de 478 horas. Unha formación que permitirá a quen a acade traballar ao coidado de persoas cunha discapacidade física, psíquica ou sensorial e persoas dependentes, ou como xerocultores en centros de día ou privados.

O segundo curso, de 628 horas, é de atención sociosanitaria para persoas dependentes no fogar. Permitirá traballar como auxiliar de axuda a domicilio, asistente de atención domiciliaria ou ao coidado de persoas maiores, convalecentes ou cunha discapacidade.

Ambos os cursos inclúen dereito a certificado de profesionalidade de nivel 2 e prácticas en empresas, sendo imprescindible para acceder a eles estar en posesión da ESO, competencias clave nivel 2 ou equivalentes.

As persoas interesadas deberán inscribirse na Oficina de Emprego de Ordes ou ben na páxina web do portal do Servizo Público de Emprego de Galicia www.emprego.xunta.es.