Thursday 21 de November de 2024

A Xunta asume a titularidade da estrada de Mercurín para executar as súas obras de mellora por 2 millóns de euros


O Consello da Xunta aproba o cambio de titularidade de varios treitos de estradas autonómicas e locais entre o Goberno galego e o Concello de Ordes

O Consello da Xunta autorizou no día de onte o cambio de titularidade de varios treitos de estradas autonómicas e locais entre o Goberno galego e o Concello de Ordes. A Xunta de Galicia asume a titularidade da estrada local que comunica Ordes e Cerceda, que pasa por Mercurín, para executar actuacións de mellora. Trátase dunha vía de 8,28 km que constitúe o principal acceso a Sogama e na que levará a cabo actuacións de mellora. As obras, que serán licitadas pola Axencia Galega de Infraestruturas neste ano en canto se formalicen os cambios de titularidade e se aprobe o proxecto construtivo, disporán dun orzamento que superará os 2 millóns de euros.

En palabras do rexedor José Luis Martínez Sanjurjo “esta noticia supón un grande avance para Ordes. Por fin se consegue dar cumprimento ao arranxo integral da estrada, unha das máis importantes, que esperamos que estea finalizada ao longo de 2017. Con todo isto ponse de manifesto que o compromiso adquirido coa cidadanía por parte do alcalde, o presidente Núñez Feijoo e a Consellería non eran palabras baleiras”. Martínez Sanjurjo tamén valora moi positivamente a prema coa que se levaron a cabo os trámites “tendo en conta que a ratificación destas permutas levouse a cabo no Pleno do pasado mes de abril”.

Por outra banda, o Concello de Ordes traspasa á Xunta dúas estradas de titularidade municipal que serven de variante ao núcleo urbano. Trátase da vía que comunica a N-550 coa glorieta da AC-524; e a estrada que se inicia na mesma AC-524 e finaliza na N-550, atravesando o polígono industrial de Merelle.

Por outra parte, a Xunta transfire ao Concello vías que actualmente lle pertencen pero que discorren por solo urbano e rexistran un tráfico maioritariamente local. Trátase da estrada AC-147 (AC-524–Ordes–AC-524) cunha lonxitude de 0,91 km; a AC-524 (Ordes-Lanzá), que tamén atravesa solo urbano; e ademais hai que contabilizar outros nove treitos antigos da AC-413 (Ordes (DP-5903).

A entrega de todos estes bens formalizarase no prazo de dous meses.