No mes que ven aumentará 60 horas incluíndo sábados pola mañá
Dentro do propósito do Concello de ampliar o horario regular de apertura das súas instalacións culturais nas fins de semana recorrendo a unha empresa de economía social –e despois de que a medida fose activada no Centro Cultural Lustres Rivas e a Sala Museo Municipal- a Biblioteca Pública de Riveira será a terceira infraestrutura que se vexa beneficiada deste servizo de conserxería e recepción ofrecida a través de Properdis, entidente pertencente á asociación Amicos.
Farao a partir do 1 de xuño, no que o servizo da instalación situada na rúa Manuel Lustres Rivas se verá incrementado en 60 horas mensuais, funcionando de luns a venres de 9 a 14 e de 16 a 20 horas (ata agora a biblioteca abría polas tardes ás 17 horas) e como novidade tamén os sábados de 9 a 14 horas.
Períodos ordinario e extraordinario
De acordo coa planificación efectuada, serán un total de 390 horas as que se amplíen ao ano e para iso plantéxanse dous períodos: un ordinario (conformado polos meses de xaneiro, febreiro, marzo, abril, xullo, outubro e novembro máis a primeira semana de agosto) e outro extraordinario, coincidente coas datas en que estudantes (sobre todo universitarios) están en época de exames (maio, xuño, setembro, decembro e a segunda semana de agosto).
No período ordinario o horario será de 9 a 14 e de 17 a 21 horas, incrementándose en 20 horas mensuais, mentres que no extraordinario será o antes referido de 9 a 14 e de 16 a 20 horas de luns a venres e de 9 a 14 horas os sábados, aumentando en 60 horas ao mes.
Unha excepción é a reservada para o mes de xullo e a primeira semana de agosto, na que funciona de luns a venres de 8 a 15 horas como ata agora.
Cómpre lembrar que hai unha cuarta instalación que tamén se beneficia dos servizos de conserxería da referida empresa de economía social: o Auditorio, se ben non ten horario regular xa que unicamente se abre cando se celebra un evento.