Saturday 16 de November de 2024

Bando do concello de Ordes con motivo da celebración das Cacharelas da Noite de San Xoán


JOSÉ LUIS MARTÍNEZ SANJURJO, ALCALDE DO CONCELLO DE ORDES

FAI SABER

Con motivo da celebración das Cacharelas da Noite de San Xoán as persoas, asociacións ou entidades organizadoras deberán comunicar a realización da cacharela no Rexistro Xeral do Concello antes das 14:00 horas do 21 de xuño e a súa realización estará suxeita ao cumprimento das seguintes normas:

UBICACIÓN

Dominio público:

 Prazas, parques e xardíns municipais (así como calquera outro ben de dominio público de carácter especial): Deberá contar coa previa autorización.
 Vías públicas pavimentadas e beirarrúas: Autorízase a súa realización pero deberá protexerse o pavimento cunha chapa metálica sobre a que se colocará unha capa de area de 10,00 cm. O Concello facilitará area a todas aquelas persoas que o soliciten.
 Vías públicas non pavimentadas: Autorízase a súa realización.

Os organizadores da cacharela serán os responsables dos danos que se puideran producir no dominio público e deberán proceder ao abono dos gastos de reconstrucción e reparación ocasionados pola realización da cacharela.

Propiedade privada:

Deberá contar coa previa autorización do propietario dos terreos, non asumindo este Concello ningunha responsabilidade en caso de que a queima se realice sen terse obtido.

NORMAS

As cacharelas deberán observar as seguintes normas de seguridade para evitar situacións de perigo, así como a producción de danos aos participantes e bens sitos nas súas proximidades:

 O volume de combustible da cacharela non sobrepasará os 8,00 m de perímetro nin os 3,00 m de altura.
 A separación da cacharela dos edificios e árbores será como mínimo de 8,00 m.
 A cacharela non poderá situarse baixo tendidos eléctricos ou telefónicos.
 Está prohibida a queima de pneumáticos, plásticos, escumas de poliuretano, aceites, ou calquera outro producto que conteña líquidos inflamables, gases a presión ou que ao arder poida desprender fume tóxico.
 Ao remate da celebración comprobarase que as cinsas da cacharela quedan totalmente apagadas.
 Deberá procederse á retirada dos restos da cacharela do lugar de celebración nun prazo máximo de 24 horas.

A Policía Local vixiará o cumprimento das normas anteriores formulando en caso de incumprimento a correspondente denuncia que dará lugar á iniciación de procedemento sancionador, así como a esixencia de indemnización dos danos e prexuízos que se causen no dominio público local.