O decreto, que se aprobará despois do verán, será pioneiro na Comunidade e un dos primeiros no conxunto de España
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, afirma que o novo decreto autonómico en materia de apartamentos turísticos, vivendas turísticas e vivendas de uso turístico ofrecerá a seguridade xurídica que demandan o sector hoteleiro, as administracións e os consumidores e usuarios. A directora fixo estas declaracións durante unha sesión informativa, dirixida tanto a hostaleiros como a persoas interesadas, sobre as novidades que introduce esta normativa.
Nava Castro explicou que o decreto, que a Xunta de Galicia prevé aprobar despois do verán, é pioneiro en Galicia posto que regulará por primeira vez na Comunidade as vivendas de uso turístico. Esta nova categoría de vivendas de uso turístico refírese ao alugueiro das mesmas por un período inferior a 30 días, mantendo a aplicación da Lei estatal de Arrendamentos Urbanos nos demais supostos.
A nova norma, segundo explicou Nava Castro, erradicará problemáticas existentes no ámbito económico-social, fiscal e de tributos, garantirá a calidade da oferta e dará seguridade ás persoas usuarias, ademais de loitar contra o intrusismo e a competencia desleal. A principal medida que se introduce é a necesidade de inscribir a vivenda de uso turístico nun rexistro público, pero tamén se contemplan os requisitos e servizos mínimos dos que deberá dispoñer, o seu réxime de funcionamento e o exercicio da actividade.
Necesidade dunha nova regulación
A directora expuxo que a elaboración desta normativa vén dada pola combinación de dous factores: a obriga de regular unha nova competencia autonómica e a necesidade de adaptarse ás novas tendencias no mercado do alugueiro de vivendas para ofrecer seguridade xurídica a todos os axentes implicados.
Dunha banda, o alugueiro turístico converteuse nunha competencia autonómica despois da modificación da Lei estatal de Arrendamentos Urbanos. De feito, Galicia será unha das primeiras comunidades en España en desenvolver esta competencia. Doutra banda, a irrupción das novas tecnoloxías no aluguer de vivendas vacacionais e a tendencia a destinar a este fin a vivenda habitual fan necesario adaptarse á nova realidade para ofrecer seguridade xurídica tanto aos particulares como ao sector ante un novo tipo de aloxamento turístico.