Friday 22 de November de 2024

A Banda Municipal de Música de Lousame celebrará o seu 20 aniversario cun concerto homenaxe a Juan Montes e a Juan López Calo


Ademais do concerto, inaugurarase unha exposición fotográfica da historia da banda e proxectarase o vídeo da súa primeira actuación, co gallo do Día das Letras Galegas de 1996

A Banda Municipal de Música de Lousame celebrará este sábado 28 de maio o seu 20 aniversario cunha serie de actividades que terán lugar na Casa da Cultura “Santeiros de Chave” de Lousame, toda vez que as previsións meteorolóxicas apuntan a que choverá. Un programa que hoxe foi presentado pola alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, a José López Calo, recoñecido musicólogo ao que a banda homenaxeou hai un par de anos e que este ano é o artífice da elección de Juan Montes para o concerto do vinte aniversario da Banda Municipal de Música de Lousame.

O programa de actividades comezará ás 17:00 horas coa inauguración da exposición “20 anos de música”, organizada pola Asociación Cultural Prudencio Romo, que recolle unha trinenta de fotografías destes vinte anos de vida da Banda lousamiana. Ás 17:30 horas será a hora do concerto homenaxe a Juan Montes, compositor lucense, profesor de música no Seminario de Lugo e organista e maestro de capela da catedral de Lugo.

Concerto

O concerto contará con cinco pezas e durará case hora e media: o pasodobre “Aires gallegos”, o segundo movemento “Amencer” da “Alborada Gallega”, o segundo movemento “Alborada” da “Rapsodia Gallega”, o segundo movemento “Negra sombra” da “Fantasía gallega” para rematar coa muiñeira “La gallega”. As pezas do concerto serán introducidas polo sacerdote xesuita José López Calo, recoñecido musicólogo nacido en Porto do Son e que vivíu a súa infancia na parroquia de Vilacova (Lousame), que será tamén homenaxeado durante o acto.

O repertorio escollido polo director da Banda Municipal de Música de Lousame, Fernando Froján, é “unha viaxe por parte das pezas máis senlleiras de Juan Montes e todo un desafío para a nosa renovada banda de música”. López Calo aproveitará para achegarlle ao público que se achegue ata o auditorio da Casa da Cultura algún especto curioso de cada peza como que “Rapsodia Gallega es, si no la última, una de las últimas obras de Montes. La compuso para tomar parte en un concurso convocado en 1897 por el Ateneo León XIII, de Santiago, y gustó tanto al Jurado que propuso adjudicarle no el primer premio simplemente, sino un premio de honor que, efectivamente, le fue concedido”.

Os actos pecharanse ás 19:00 horas coa proxección da primeira actuación da Banda Municipal de Música de Lousame.