O Concello de Brión convoca unha nova edición da súa tradicional excursión dos maiores, que terá lugar o vindeiro 18 de xuño e que este ano terá como destino a vila de Braga, concretamente un dos seus puntos máis representativos: o Santuario do Bom Jesús (Portugal). Unha viaxe dunha xornada dirixida a veciños e veciñas de Brión maiores de 60 anos e a pensionistas maiores de 55 anos, que en ambos casos poden viaxar acompañados das súas parellas.
A viaxe en autocar iniciarase ás sete da mañá do sábado 18 de xuño. Os autobuses recollerán aos participantes polas diferentes parroquias, nos lugares que se lles indicarán no momento de realizar a inscrición na actividade. A excursión inclúe a visita ao santuario, un xantar con posterior verbena de sobremesa na Quinta do Cruzeiro e unha parada en Valença do Miño con tempo para realizar compras na vila miñota.
Aqueles veciños e veciñas que estean interesados en participar poden inscribirse dende hoxe nas oficinas municipais ou chamando ao teléfono 981 88 70 06. O prazo para facelo remata o venres 10 de xuño. O prezo da actividade é de 25 euros por persoa.