Saturday 16 de November de 2024

Brión conta cun remanente de Tesourería para gastos xerais de 1,4 millóns de euros


O pleno aproba por unanimidade o Plan de Estabilidade Financeira 2016-2017 e o Teito de Gasto para 2016

O Concello de Brión conta cun remanente de Tesourería para gastos xerais de 1.444.000 euros e cun resultado orzamentario de 585.000 euros, segundo se desprende da Liquidación do Orzamento de 2015. Unha liquidación da que se deu conta no pleno extraordinario celebrado esta mañá e na que se confirmou que o Concello está a cumprir cos obxectivos de estabilidade orzamentaria e co límite de débeda, pero non así coa regra de gasto.

O incumprimento da regra de gasto é debido á modificación de crédito aprobada por unanimidade no pleno de novembro para compensar á empresa Multiocio, propietaria de dúas parcelas na urbanización Villa Amalia (que a día de hoxe está en mans do Sareb por mor da creba da empresa promotora). Unha compensación de 289.000 euros fixada por unha sentenza xudicial firme que recoñece que non se lle puido dar ás parcelas o uso previsto posto que, por mor da creba da promotora, quedaron sen urbanizar.

Este incumprimento da regra de gasto obrigou á aprobación hoxe dun Plan de Estabilidade Financeira 2016-2017 e dun Teito de Gasto para 2016, que é o mesmo fixado nos orzamentos municipais. O secretario municipal explicou que o incumprimento da regra de gasto é algo conxuntural, non estrutural, polo que o plan aprobado por unanimidade esta mañá non é máis ca un formalismo e non inclúe medidas especiais, xa que os Orzamentos Municipais aprobados para 2016 xa cumpren coa regra de gasto.

Así mesmo, na sesión deuse conta do cumprimento das obrigas de comunicación trimestral da execución do Orzamento, correspondente ao primeiro trimestre de 2016, así como do informe de morosidade do primeiro trimestre, que indica que non hai ningunha obriga de pago pendente de recoñecer. De feito, o periodo medio de pago durante o primeiro trimestre de 2016 foi de -6,17 días.

Baixa

Finalmente, na sesión deuse conta dun escrito de Xesús Pena no que solicita a baixa no grupo político do BNG e no grupo municipal do BNG. Isto supón a súa conversión en concelleiro non adscrito, que deixa de ocupar a portavocía do BNG no pleno e que perde todo dereito a recibir as achegas aos grupos políticos municipais. Ademais, deixará de ser representante do BNG na Asemblea Xeral da Mancomunidade Serra do Barbanza.

O secretario municipal tamén anunciou que se acordou a integración de Xesús Pena nas catro comisións informativas existentes, como concelleiro non adscrito, polo que José Luís Penas Corral, que ocupará a portavocía do BNG dende agora, tamén pasa a formar parte das devanditas comisións.