Friday 22 de November de 2024

A Xunta orienta 27 millóns a facilitar financiamento a pemes e emprendedores e a crear 700 empregos na contorna rural


As liñas de financiamento artellaranse a través de préstamos e avais do Igape

Por terceira semana consecutiva, o Consello da Xunta volveu deliberar sobre o uso que darlle aos fondos extra dos que dispón Galicia grazas ao cumprimento do déficit. Despois de aprobar un primeiro paquete de prioridades destinado á infancia e á mocidade e un segundo orientado a mellorar as condicións de vida das familias galegas en diferentes ámbitos, hoxe anunciouse un novo paquete de medidas orientado a reforzar o noso tecido produtivo e a xerar emprego. Trátase, segundo anunciou Alfonso Rueda, de 27 millóns de euros orientados a facilitar financiamento a pemes e emprendedores e a crear 700 empregos na contorna rural.

As liñas de financiamento artellaranse a través de préstamos e avais do Igape. Suman 20 millóns, que permitirán mobilizar 100 millóns neste 2016. O primeiro destes instrumentos financeiros apoiará ata o 70% do investimento a realizar. O segundo amplía os fondos destinados a facilitar o acceso ao capital a través da achega de garantías, tanto a través das sociedades de garantía recíproca como de avais do Igape. “O obxectivo, en definitiva, está claro: que ningún proxecto que sexa viable das nosas pequenas e medianas empresas deixe de facerse realidade porque falta o financiamento”, dixo Rueda.

Por outra banda, as axudas para a contratación no rural suman sete millóns de euros, que financiarán ata o 100% do custo salarial de 700 novos contratos. Estas axudas chegan “ás zonas onde máis se necesitan, as áreas do medio rural donde hai menos oportunidades” e “ás persoas con máis dificultades para acceder ao mercado laboral, que son: as mulleres e os mozos e mozas”, recalcou o vicepresidente. Están destinadas aos concellos de menos de 10.000 habitantes e teñen prioridade os de menor poboación.

“Este sentidiño na xestión dos cartos públicos e na planificación responsable, este superávit de responsabilidade, dá os seus froitos —resumiu—. Tentamos construír unha Galicia estable, unha Galicia próspera agora e no futuro, para os nosos fillos e os nosos netos, sen descoidar as necesidades das galegas e galegos de hoxe”.