Saturday 16 de November de 2024

Nava Castro destaca a potencialidade da Ruta da Camelia como reclamo turístico


A nosa Comunidade é o segundo lugar do mundo con máis especies desta planta, despois do Xapón

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, puxo en valor a Ruta da Camelia como un referente internacional, pois a nosa Comunidade é o segundo lugar do mundo con maior número de tipos de camelia, despois do Xapón. A responsable de Turismo da Xunta fixo estas declaracións en Ribadumia con motivo da inauguración da exposición de pintura tradicional chinesa ‘Florecemento en maio’, do artista Yan Yuguang.

Nava Castro apostou pola potencialidade desta ruta como reclamo turístico e para consolidar Galicia como destino multiexperiencial. Neste sentido, expuxo que desde Turismo de Galicia se promociona este produto nas distintas feiras e certames para dalo a coñecer nos principais mercados turísticos. Así mesmo, Nava Castro explicou as grandes posibilidades que ofrece este itinerario, xa que a flor é o fío condutor para descubrir o patrimonio botánico e histórico da Comunidade, permitindo coñecer os recursos naturais e arquitectónicos dunha ducia de xardíns de pazos, fortalezas e casas señoriais, así como viñedos e outros espazos.

A directora de Turismo de Galicia lembrou que esta experiencia tamén permite achegar ao visitante á gastronomía dunha zona ou a outras actividades adicionais como a exposición de pintura inaugurada, que presenta motivos florais en tinta chinesa e se desenvolve no Pazo Quinteiro da Cruz, no cal se atopa un dos xardíns incluído na Ruta da Camelia.

Nava Castro agradeceu ao artista a visita á nosa Comunidade e aproveitou para felicitalo polo seu traballo e por todos os galardóns que, segundo dixo a directora, avalan o seu recoñecido prestixio.