Saturday 16 de November de 2024

Nava Castro destaca a importancia do turismo para o desenvolvemento dos territorios rurais galegos


A responsable de Turismo da Xunta asegura que o sector representa máis do 11% do PIB da nosa comunidade

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, destacou a importancia do turismo para o desenvolvemento dos territorios rurais galegos xa que, segundo sinalou, é un sector fundamental na economía galega que representa o 11% do seu Produto Interior Bruto e o 12% do emprego. A directora fixo estas declaracións durante a conferencia que ofreceu en As Neves, na Escola Familiar Agraria de A Cancela, onde se imparte formación profesional en materia de hostalería.

Nava Castro aproveitou a súa intervención nesta escola de ámbito rural para poñer en valor o turismo como motor de desenvolvemento destas zonas. Neste sentido, a directora expuxo a necesidade de dotar ao medio rural galego das infraestruturas e da sinalización axeitada para facer del un recurso turístico accesible e, por iso, este ano Turismo de Galicia convocou unha nova liña de subvencións con esta fin.

Así mesmo, enxalzou a formación dos profesionais como piar imprescindible para o futuro do turismo e para a consolidación de Galicia como un destino competitivo, máis forte nun mercado global, e coa calidade como factor diferencial. Ao mesmo tempo, avogou por ofrecer produtos turísticos innovadores para facer de Galicia un destino multiexperiencial e cunha oferta desestacionalizadora, atractiva os 365 días do ano.

A responsable de Turismo da Xunta explicou que tanto a formación do sector turístico, que redundará na calidade dos servizos ofertados, como o impulso de produtos especializados, que atraerán novos fluxos turísticos, axudarán a aumentar os turistas que recibe a Comunidade. Neste senso, destacou que no primeiro cuadrimestre deste ano xa chegaron a Galicia 680.000 visitantes, a cifra máis alta dende 2008 e que supón un aumento do 7,3% en relación ao mesmo período do ano pasado.

En canto á formación do sector, subliñou que o Centro Superior de Hostalería de Galicia se converteu nun referente no ámbito da formación turística grazas ao seu marcado carácter práctico e metodoloxía moderna e eficaz que o diferencian doutros centros similares. Como exemplo, explicou que o Centro formou a máis de 2.000 directivos que desenvolven o seu labor en empresas hostaleiras e turísticas de todo o mundo.

Produtos turísticos innovadores
Por outra parte, Nava Castro puxo en valor a aposta do Goberno galego polo impulso de produtos turísticos innovadores como a Ruta da Lamprea, que discorre por dezaoito municipios ribeirenses dos ríos Tambre, Ulla e Miño para dar a coñecer este pescado e o patrimonio cultural e natural que o rodea, incluíndo información sobre as artes de pesca empregadas ou os restaurantes nos que se pode degustar.

Neste sentido, Nava Castro explicou que o seu departamento colaborou cos concellos de Arbo e Salvaterra para actuar no contorno fluvial das pesqueiras coa finalidade de mellorar a accesibilidade e a experiencia do visitante.

Outros produtos turísticos que salientou foron a Ruta da Camelia, que permite descubrir pazos e xardíns galegos a través desta flor insignia de Galicia; ou o Outono Gastronómico, orientado á potenciación das casas de turismo rural a través da combinación de estancias nestes establecementos coa enogastronomía.

Nava Castro lembrou tamén a iniciativa dos Trens Turísticos ou o impulso que se está realizando ao enoturismo a través da promoción das Rutas dos Viños de Galicia, que celebraron as súas V Xornadas de Portas Abertas este pasado fin de semana nas denominacións de orixe das Rías Baixas e do Ribeiro e continuarán celebrándose a próxima fin de semana en Monterrei, Ribeira Sacra e Valdeorras.

Ademais, afirmou que Turismo de Galicia está traballando tamén no desenvolvemento de produtos específicos para segmentos de mercados especializados como a ornitoloxía.

Así mesmo, subliñou o labor continuado que realiza a Xunta de Galicia para potenciar grandes eventos turísticos e deportivos como a Volta Ciclista, O Marisquiño ou o Festival Náutico de Vigo e as festas declaradas de Interese Turístico, que son importantes reclamos pola súa singularidade como sucede coas celebracións do Corpus Christi de Ponteareas, de interese internacional, a Festa da Lamprea de Arbo, de interese nacional, ou a do Requeixo e Mel das Neves, distinguida a nivel autonómico.