Por primeira vez elaborará informes específicos sobre o emprego das TIC entre as persoas maiores, entre as persoas con discapacidade e sobre a situación da sociedade da información no ámbito rural
O Observatorio da Sociedade da Información e a Comunicación de Galicia (Osimga) da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) amplía o seus ámbitos de análise con tres novos estudos específicos sobre: o uso das TIC entre as persoas maiores e entre as persoas con discapacidade; e a situación da sociedade da información no rural.
Ademais, o Osimga presentará este ano dous traballos vinculados a medidas da Axenda Dixital de Galicia 2020 (ADG2020): Mapa da Innovación Social Dixital en Galicia, enmarcado no Plan de Inclusión; e o estudo sobre a Demanda de novos Perfís Dixitais, contemplado no Plan Transformatic. O Observatorio realizou o pasado un total de 40 informes e a súa web recibíu máis de 100.000 visitas.
O traballo do Osimga permite coñecer o nivel de desenvolvemento, a tendencia e os problemas que poden afectar á extensión da Sociedade da Información na Comunidade e facilita a definición das políticas públicas neste ámbito. Ademais, o Observatorio é o organismo encargado do seguimento e avaliación das medidas políticas tecnolóxicas da Administración autonómica.
O pleno anual do Observatorio celebrouse esta mañá en Santiago, presidido pola directora da Amtega, Mar Pereira, que deu conta das medidas desenvolvidas no primeiro ano da ADG 2020. En 2015 a Axenda Dixital para 2020 mobilizou 158 millóns de euros nas actuacións das súas cinco liñas estratéxicas: Valoración da Administración, Énfase na vida Dixital, Aceleración da Economía Dixital, Estímulo ao Crecemento do Sector TIC e Articulación Dixital do Territorio.
Valorización da Administración
No eido da Administración avanzouse na consolidación dunha administración dixital co 70% dos trámites dispoñibles online na sede electrónica, a entrada en funcionamento do sistema Chave 365 para simplificar o uso da sede; e a posta en marcha da plataforma de interoperabilidade Pasaxe! que rexistrou 1,8 millóns de consultas. O arranque do Arquivo Electrónico da Xunta foi outro dos fitos para avanzar cada unha administración totalmente dixital.
Na Administración da Xustiza continuouse coa dotación de equipamento e medios TIC prevista no Plan Senda, que permitiu consolidar o uso de Lexnet con 4,5 millóns de notificacións; estender o sistema de gravación de vistas con sinatura dixital ata o 79% das salas e que o 84% dispoña de videoconferencia.
Énfase na vida dixital
O proceso de transformación da educación tradicional en dixital avanzou da man do Proxecto Abalar, con máis de 6.000 rapaces e rapazas integrados en eDixgal, empregando só contidos dixitais no curso 2015-2016.
As aulas públicas de formación dixital CeMIT, incrementaron en 10.000 o número de usuarios, rexistrando a finais de 2015 un total de 53.800. Emitíronse 790 certificacións de Competencias Dixitais en Ofimática e desenvolvéronse 20 proxectos de innovación social dixital.
En canto á modernización do servizos sociais, sentáronse as bases para a entrada en funcionamento da Historia Social Única Electrónica, que entrará en funcionamento despois do verán.
Aceleración da Economía Dixital e Estímulo ao sector TIC
Potenciar a transformación dixital do tecido empresarial galego é un dos obxectivos da Axenda. As preto de 100 actuacións do Centro Demostrador TIC de Galicia así como o acordo entre Amtega e Igape para impulsar a dixitalización empresarial e a industria 4.0 no no período 2016- 2020 entre as pemes galegas buscan avanzar cara ese obxectivo
O estímulo ao sector TIC é outra das prioridades da Axenda Dixital que se materializa coas medidas do Pacto Dixital como Galicia Open Future e outras actuacións como Vía Galicia e e a aprobación da Estratexia de Internacionalización da Empresa 4.0 .
Articulación Dixital do Territorio
A aprobación do Plan de Banda Larga 2020 para dotar de acceso a redes ultrarrápidas a todos os galegos e a posta en marcha da Rede Dixital de Emerxencias de Galicia, con dúas das medidas para garantir unha Galicia conectada e adaptada ás novas demandas da sociedade dixital.