Friday 22 de November de 2024

Feijóo viaxa a Cuba coa prioridade de reforzar as comunidades galegas no exterior e trasladar ao pobo cubano que Galicia quere formar parte do proceso de actualización económica do país


O titular da Xunta presidirá a celebración do undécimo plenario do Consello das Comunidades galegas, que se desenvolverá os días 27 e 28 de maio, no histórico palacio do Centro Galego da Habana

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, iniciará mañá xoves a súa segunda visita institucional a Cuba coa prioridade de reforzar as comunidades galegas no exterior e trasladar ao pobo cubano que Galicia quere formar parte do proceso de actualización económica que está a vivir o país, como xa lle trasladou na súa anterior visita en 2013.

Cómpre salientar que o principal motivo da viaxe do titular da Xunta é a celebración do undécimo plenario do Consello das Comunidades galegas, que se desenvolverá os días 27 e 28 de maio, no histórico palacio do Centro Galego da Habana, onde se interpretou por vez primeira o himno galego e onde fai apenas unhas semanas o presidente dos Estados Unidos de América, Barack Obama, pronunciou un discurso histórico para o devir da illa, onde viven 40.000 galegos.

A xuntanza deste órgano, do que forman parte máis dun centenar de centros e casas de Galicia, terá como obxectivo contribuír á renovación e modernización das entidades galegas cara á súa adaptación a un mundo cada vez máis globalizado. Renovación e unión son as sinais de identidade que han de caracterizar ás comunidades galegas no exterior durante os próximos anos, nun proceso no que contarán con todo o apoio do Goberno galego.

Feijóo aproveitará tamén a viaxe para manter encontros institucionais e comerciais, de cara a intensificar os lazos entre a nosa Comunidade e Cuba xa que, neste novo proceso de actualización do seu modelo económico, Galicia tamén quere estar ao lado do pobo cubano. Non en van, España sempre apostou por Cuba e o seguirá a facer, como demostran as recentes visitas do ministro de Asuntos Exteriores e Cooperación e da ministra de Fomento, entre outras autoridades.

Así mesmo, cómpre lembrar que, en 2013 Feijóo realizou a súa primeira viaxe ao país desde que foi elixido presidente da Xunta en 2009; unha viaxe coa que deu continuidade á estratexia de acción exterior de Galicia en Cuba, que iniciou en 1991 o presidente Fraga, o primeiro mandatario galego en realizar unha visita a este país.

Galicia sempre estivo en Cuba e quere estar nesta Cuba que se abre ao mundo e, con este obxectivo, Feijóo reunirase co vicepresidente do Consello de Ministros e cos responsables de Comercio Exterior e Relacións Exteriores; e participará ademais no Foro económico Cuba-Galicia.

Estes encontros complementaranse coa axenda que o conselleiro de Economía, Francisco Conde, desenvolverá con representantes de diferentes departamentos gobernamentais.

Durante a viaxe do presidente da Xunta a Cuba tamén ocuparán un lugar destacado os actos de carácter máis cultural, coa finalidade de afondar nas relacións de afectividade e apego existentes entre o pobo galego e o pobo cubano. E, con esta finalidade, Feijóo presidirá o venres a sinatura do Memorando de entendemento entre a Xunta e o Ministerio de Cultura.

Na súa viaxe a Cuba, o titular da Xunta desenvolverá, en definitiva, unha axenda intensa e cargada de actos económicos e de encontros centrados na colectividade. Unha axenda que marca unha liña de continuidade pero nun contexto novo, que favorece a intensificación deses lazos que sempre uniron Galicia con este país.