O prazo finaliza este mércores ás 23.59h
San Sadurniño prepárase para acoller este domingo unha carreira popular que promete ser un éxito de participación. A día de hoxe -martes- xa pasa das 680 persoas inscritas nas 10 categorías da proba, máis da metade delas nas categorías absolutas, aínda que tamén hai un alto número de participantes no apartado escolar para nenos e nenas entre os 4 e os 12 anos sobre distintas distancias. O interese pola carreira é tal que no colexio público xa levan adestrando o trazado varias semanas e este mediodía o seu alumnado ateigou a Casa da Cultura para asistir ao acto oficial de presentación do evento.
A presentación desenvolveuse pouco despois das 13.00h. e foi unha convocatoria a medio camiño entre unha rolda de prensa para falar da carreira e unha charla sobre deporte e vida saudable. Nela estiveron presentes a concelleira de Deportes, Sabela Íñiguez, o director do colexio, Lois Anxo Rodríguez, e dúas persoas de renome no mundo do atletismo que tomarán a saída o próximo domingo: o medallista europeo veterán Antonio Cabana e a tamén multipremiada triatleta ferrolá Melina Alonso, que acaba de erguer a Copa de la Reina por equipos nesta disciplina canda as súas compañeiras do Triatlón Ferrol, ademais de levar medalla de bronce no campionato de España por relevos.
Cabana, en plena forma aos seus 76 anos, repetirá saída o domingo a tope, mentres que Melina se estreará en San Sadurniño a medio gas tras sufrir varias complicacións de saúde a pasada fin de semana -febre, unha afección de ril e mesmo un golpe no nariz-. Esa é a razón de que, seguramente, actúe como “globo” o domingo, é dicir, correrá marcándolle o ritmo a un grupo de alumnos e alumnas do colexio para que sexan capaces de completar os 5 quilómetros de percorrido en menos de media hora. Un xesto que será en si mesmo unha clase práctica sobre como dosificar forzas mentres non se ten experiencia dabondo neste tipo de probas.
A III Carreira popular Concello de San Sadurniño está organizada polo propio Concello e o CPI, coa colaboración da Federación Galega de Atletismo e da ANPA. As expectativas para o domingo non poden ser mellores. A falta dun día para que se peche o periodo de inscrición xa se apuntaron un total de 683 persoas -e subindo-, 495 na categoría absoluta e 188 no apartado escolar das nenas e nenos máis pequenos. Todo apunta a que na absoluta se chegue ao máximo de 650 inscricións, un tope posto de acordo coa capacidade organizativa do Concello e do centro de ensino.
En calquera caso, quen desexe apuntarse pode facelo ata as 23.59h. deste mércores a través da webwww.emesports.es, onde hai dous apartados, un para a carreira escolar e outro para a absoluta, que ten un prezo de 3 euros para maiores de 18 anos.
Nesta ocasión a proba enmárcase no I Circuito Corre polo Norte, que levará o atletismo por varios concellos da contorna, desde Valdoviño ata Mañón. San Sadurniño será a terceira cita deste calendario e a seguinte, o sábado 4 de xuño, celebrarase en Moeche. O 18 tocaralle a Valdoviño e as tres últimas carreiras do circuíto terán lugar o 9 de xullo en Cerdido, o 13 de agosto en Ortigueira e o 4 de setembro en Mañón.
O circuito prevé premios en metálico para a ganadora e ganador absolutos da rolda de oito carreiras. Hai máis información na web www.prueba-t.es
Outra novidade desta edición da Carreira popular Concello de San Sadurniño é que as persoas participantes na poderán quedar xantar nunha carpa disposta no propio recinto pola Comisión de Festas de Santa Isabel 2016. A reserva do xantar hai que facela a través do correo asociacionculturaldz@gmail.com ou chamando ao teléfono 649 381 132.