Friday 22 de November de 2024

O Concello organiza o campamento de verán Ondiñas Surf Camp


A concelleira de Mocidade e Acción Cultural, Branca Novoneyra, presentou esta mañá o campamento de verán Ondiñas Surf Camp, que organiza o Departamento de Mocidade do Concello de Santiago para os mozos e mozas da cidade.

Haberá un total de 25 prazas, que serán cubertas por rigorosa orde de inscrición. Poderán participar no campamento os mozos e mozas empadroados no Concello de Santiago de 14 a 17 anos (ou que cumpran 14 anos no ano en curso). No caso de que queden prazas libres atenderanse outras solicitudes

Branca Novoneyra destacou que se trata “dun campamento de mar por excelencia, onde se mesturan as prácticas dos deportes náuticos con actividades de coñecemento da flora e fauna mariña. É un campamento que require un esforzo físico constante debido á práctica continuada do deporte”.

As actividades desenvolveranse entre o 11 e o 18 de xullo nun albergue xuvenil situado no municipio de Cangas do Morrazo. O albergue atópase no Colexio Eduardo Pondal, unhas instalacións moi axeitadas para facer un campamento de verán a carón do mar, xa que se atopa a 500 metros da praia de Liméns.

Múltiples actividades
No Ondiñas Surf Camp desenvolveranse actividades de surf, pádel surf, kaiak-surf, bodyboard, snorquel con scooter, kayak, sendeirismo, xeocatching con GPS e varias visitas.

O campamento ten un prezo de 120 euros para un participante e de 100 no caso de que se anote un segundo irmá ou teñan a condición de familia numerosa. Para poder participar nas actividades, as familias deberán entregar o impreso correspondente no Rexistro Auxiliar do CSC do Ensanche ou no Rexistro Xeral do Concello dende mañá 25 de maio ata o 23 de xuño, entre as 9:00 e as 14:00 horas.