Saturday 16 de November de 2024

Beatriz Mato destaca o potencial da biodiversidade e riqueza dos parques naturais da comunidade galega


Salienta que a Xunta vén de crear a Rede de Parques Naturais de Galicia, unha iniciativa que busca mellorar estes espazos a través da coordinación e as sinerxías e potenciar os valores dos mesmos

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, destacou esta mañá o potencial da biodiversidade e riqueza dos parques naturais de Galicia. A responsable de Medio Ambiente visitou esta mañá as instalacións de Interpretación do Parque Natural do Invernadeiro, con motivo da conmemoración do Día Europeo dos Parques. Mato Otero recordou que nesta edición a celebración leva o lema O sabor da natureza, co que se pretende sinalar as vantaxes que conleva apostar pola agricultura sostible e facela compatible coa conservación dos espazos protexidos.

Para potenciar esta liña de actuación, a Xunta de Galicia vén de crear a Rede de Parques Naturais de Galicia. Unha iniciativa que busca mellorar estes espazos a través da coordinación e as sinerxías e potenciar os valores dos mesmos a nivel natural, ambiental, paisaxístico e de biodiversidade; xa que “teñen un enorme potencial económico, turístico e social polo que hai que aproveitar os seus recurso e potencialidades, dentro do compromiso coa sostibilidade”, matizou.

Aclarou que o coñecemento e valorización dun espazo son as ferramentas inmellorables para a súa protección e conservación e “son dous obxectivos claros á hora de crear a Rede de Parques”, para o que foi imprescindible o desenvolvemento dun plan de xestión e posicionamento. O plan elaborado pola Xunta será o marco no que traballar nos vindeiros catro anos e conta con sete liñas de actuación que se resumen nunha aposta pola accesibilidade nos parques, o fomento do emprego entre os colectivos máis vulnerables, e as actuacións de voluntariado. Como explicou con anterioridade, apostase polo emprendemento e a economía sostible, a creación de novos produtos ecoturísticos e a sensibilización ambiental.

Tal e como resumiu a conselleira, “definíronse tres eixes de actuación que son a coordinación da Rede; a xestión e uso para mellorar a calidade da experiencia dos visitantes e, en consecuencia, a súa conservación; e promoción e posta en valor, co fin de difundir as súas potencialidades e dar a oportunidade de dinamizar as economías locais que rodean os parques.

A responsable de Medio Ambiente destacou que o Goberno galego leva desde o primeiro día de mandato traballando no coidado e promoción destes espazos, xa que os orzamentos de 2016 reservaron unha partida de 3,25 millóns de euros para actuacións nos parques naturais e no parque nacional, o que significa un investimento dun 30% máis que no ano 2015; e que se eleva a case 20 millóns de euros dende o ano 2009.

A conselleira sinalou a importancia de días como o que se celebra hoxe, o Día Europeo dos Parques Naturais, xa que permiten ensalzar o incalculable valor destes espazos a nivel ecolóxico, natural, paisaxístico, social e cultural para Galicia. Na Comunidade galega existen sete exemplos excelentes deste patrimonio , o Parque Nacional Marítimo-Terrestre e os seis parques naturais – O Invernadeiro, Enciña da Lastra, Xurés, Monte Aloia, Fragas do Eume e Complexo Dunar de Corrubedo- que ocupan máis de 57.000 hectáreas do territorio galego e que reciben cada ano 650.00 visitantes. Detallou que no caso do Invernadeiro é o terceiro con maior extensión (despois dos do Xurés e as Fragas do Eume) de Galicia, ocupa 6.000 hectáreas e conforma un dos máis importante refuxios de fauna de mamíferos en Galicia.

Nese sentido, a conselleira, xunto cun grupo de 50 alumnos do CEIP Bibei de Viana do Bolo, participou na solta dun gavilán, unha ave rapaza recuperada durante dous meses nun centro de recuperación da Xunta e na recepción dun cabalo.

Máis dun millón de euros para divulgación e promoción dos parques
A consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio licita hoxe no Diario Oficial de Galicia (http://bit.ly/1Wf2NEk) un contrato para a realización de actividades dentro do marco Cen anos de parques nacionais, programa educativo-divulgativo do Parque Nacional Marítimo- Terrestre Illas Atlánticas (PNMTIA) de Galicia: atención ao visitante e nos seus centros de interpretación. Un contrato por un importe de case 93.000 euros, que se leva a cabo con recursos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), nun 80 %, e que está dentro do eixe prioritario de conservar e protexer o ambiente e promover a eficiencia dos recursos, en base ao desenvolvemento e promoción das áreas naturais, en particular, as de interese turístico.

Asemade, ao longo desta semana se publicarán outros novos contratos cos que se pretende poñer en marcha diversas accións de divulgación e de promoción destes espazos naturais que conforman a Rede de Parques Naturais de Galicia. No seu conxunto os tres contratos suman un investimento de máis dun millón de euros.