Afirma que o saber facer, a experiencia e o coñecemento “foi e é a carta de presentación tanto na ría de Ferrol como na ría de Vigo”
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe o esforzo que está a facer o sector naval galego por renovarse e ser máis competitivo, o que lle está a reportar un aumento progresivo da carga de traballo. Durante o acto inaugural de Navalia 2016, Feijóo precisou que a fórmula que empregaron os estaleiros da comunidade para conseguilo resúmese nunha expresión que é sinónimo desa veteranía que adquiriu o sector naval galego: o know-how; é dicir, o saber facer, a experiencia e o coñecemento.
“Esta foi e é a carta de presentación tanto na ría de Ferrol coma na ría de Vigo”, aseverou, incidindo en que tamén ten moito que ver co xeito no que as principais empresas do sector souberon integrar a innovación e os novos sistemas tecnolóxicos á cadea de produción.
Segundo o presidente da Xunta, todo isto está a facer posible que o sector naval conte cunha carteira de pedidos que, entre o primeiro trimestre de 2015 e o primeiro trimestre deste ano, pasou de 9 a 19 buques, que eses 19 buques representen o 32% do total de contratos que actualmente rexistra o sector en toda España; e que, atendendo ao índice de actividade ponderada, a carga de traballo nos estaleiros galegos aumentase en 2015 case un 50%.
Así mesmo, cómpre subliñar que Galicia é unha das comunidades onde se rexistrou un maior aumento da tonelaxe bruta ponderada, e a carga de traballo nos estaleiros galegos supera xa os 2.300 millóns de euros.
Feijóo afirmou que estes datos reflicten a evolución positiva que nestes últimos anos está a rexistrar o sector naval en Galicia. Nesta liña, lembrou que os floteis para a petroleira Pemex, que hoxe xa están nas gradas de Navantia Ferrol e Barreras, marcaron o punto de inflexión nesta traxectoria. “E hai escasas semanas asistiamos á botadura do buque oceanográfico que o estaleiro Freire construíu para a Mariña de Perú, e Navantia Ferrol recibía boas novas ao confirmarse a adxudicación de dous buques de aprovisionamento de combate para a Armada australiana, un contrato valorado en case 500 millóns de euros”, abundou.
O presidente da Xunta felicitou o naval galego e afirmou que a Administración autonómica seguirá traballando conxuntamente co sector para “seguir aumentando as capacidades e a modernización dos nosos estaleiros, como proban a aposta pola diversificación cara a campos como a enerxía eólica mariña, os 19 proxectos de I+D+i que se están desenvolvendo no sector a través dos programas Innterconecta e Conecta Pemes, as tres unidades mixtas coas que colaboran os estaleiros e centros tecnolóxicos e a liña que abrimos para aplicar a metodoloxía da industria 4.0. no naval en coordinación co CIS Galicia”.
Feijóo expresou o seu convencemento de que esta feira de Navalia pode ser o canal para atraer novos investimentos. Non en van, nela están presentes empresas procedentes de países como China, Rusia, Perú, Uruguai, Brasil, México, Noruega ou India -todos, mercados de alto interese para Galicia-. E espérase, ademais, a asistencia duns 25.000 visitantes.
Así pois, Navalia busca ser un grande espazo para exhibir o traballo que veñen facendo os estaleiros galegos, tanto para diversificar a súa produción e mercados como para non perder capacidades e poder competir fronte a países de baixo custo; e abre as súas portas a todo un abanico de sectores relacionados co naval: a industria armadora, a industria auxiliar, os servizos de enxeñaría, consultaría ou financeiros, e as tecnoloxías especializadas.