Sunday 24 de November de 2024

O Concello de Ordes organiza un Showcooking para promover a súa Praza de Abastos


Coincidindo coa campaña ‘Quere o teu mercado’ este sábado os asistentes poderán aprender novas receitas feitas con produtos do mercado. Tamén se presentará o concurso de tapas ‘De bo dente’ e farase entrega de material promocional

Este vindeiro sábado, 28 de maio, o Concello de Ordes invita a veciños, veciñas, profesionais e persoas afeccionadas á cociña a participar no showcooking que terá lugar na Praza de Abastos. Karina Carreira, do establecemento Factoría Doce e actual monitora dos cursos de cociña impartidos polo Concello, será a encargada de elaborar as distintas receitas. Os ingredientes principais de cada unha delas serán produtos que se poden atopar no mercado local, potenciando deste xeito as compras. Xarda escabechada, salteados de verduras ou pratos con bases de carne de porco serán algunhas das propostas. O horario no que se realizarán será ás 11, 12 e 13 horas nun espazo especialmente habilitado para isto e que permitirá que os asistentes desfruten del sen perder ningún detalle ademais de consultar calquera outro aspecto.

Ademais desta actividade ese mesmo día tamén se levará a cabo a presentación do concurso de tapas ‘De bo dente’, o cal se desenvolverá entre os bares e establecementos hostaleiros do municipio ao longo das vindeiras semanas.

Precisamente o sábado é o día escollido polo Concello de Ordes para desenvolver a campaña ‘Quere o teu mercado’, lema en galego da Campaña Internacional dos Mercados, promovida pola Xunta de Galicia en colaboración cos Concellos, as Prazas de Abastos e as Federacións e Asociacións de comerciantes. Como obxectivo principal está o de destacar o papel dos mercados nas cidades, potenciar a compra do produto local e enxalzar a profesionalidade de praceiros e praceiras.

En total hai que falar de máis de 50 mercados de toda Galicia nos que se están a realizar distintas actividades do máis variado para visualizar, promover e activalos, incentivando a creación de novos negocios para a revitalización deste sector do comercio. No caso da Praza de Abastos de Ordes tamén se repartirá material promocional entre a clientela, como bolsas, mandís, doces, bandeirolas etc.