INXENIO, HUMOR E MÚSICA NA TERCEIRA SESIÓN DO CICLO “MÚSICA CON RETRANCA”
O ciclo “Música con retranca” que se está a desenvolver no Museo do Humor de Fene continua este venres, 27 de maio, co grupo “Os da ría”, formado por Arturito e Fabián, “dous grandes divos da música lixeira”, acompañados ao piano -no seu formato máis “Íntimo”- polo músico Susito Pián. Neste espectáculo, cheo de inxenio, humor e música, “Os da ría” lembran os seus grandes hits como “Infanta Elena”, “Caramba, que guapa estás” ou “Fernando Ónega”.
O espectáculo comezará o venres ás 20 horas no salón de actos da Casa da Cultura-Museo do Humor de Fene (Avda. de Conces, 20-22). As entradas serán de balde aínda que, para asistir á función, será preciso recoller invitacións (2 por persoa) o mesmo venres na conserxería da Casa da Cultura de Fene a partir das 16 horas. Por capacidade do salón de actos da Casa da Cultura-Museo do Humor de Fene, o aforo estará limitado a 120 persoas.
Con esta xa son tres as sesións de “Música con retranca”, ciclo organizado pola Concellería de Cultura e Ensino de Fene coa colaboración da Xunta de Galicia (Cultura no Camiño). O programa completarase a vindeira semana co cabaré musical Lilí Berlí, con Blanca Cendán e Suso Alonso sobre o escenario. “Lilí Berlín” é un espectáculo cheo de crítica social e política que ten como fío conductor diversas melodías de compositores coma Kurt Weill, Friedrich Höllander, Scott Joplin, John Kander, Norbert Schultze e Kraftwerk entre outros.