Friday 22 de November de 2024

O concurso ‘Imaxes con Fondo’ premiará as mellores fotografías e vídeos sobre interculturalidade


Unha viaxe aos proxectos do Fondo Galego de Cooperación en Mozambique e unha cámara son os principais galardóns nas categorías adulta e xuvenil

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade vén de lanzar a terceira edición do concurso ‘Imaxes con Fondo’ que, atendendo ao actual contexto internacional, marcado polas migracións e o desprazamento de persoas refuxiadas, convida a reflexionar sobre a interculturalidade. Ademais, o certame innova sumando á súa xa habitual sección de fotografía un novo apartado para vídeos.

En ambos os dous casos, na categoría de persoas adultas o primeiro premio será unha viaxe a Mozambique co fin de realizar un traballo sobre a realidade do país lusófono e os proxectos alí apoiados. A categoría xuvenil, dirixida a mocidade de entre 14 e 17 anos, está dotada cunha cámara de fotografía e vídeo. Os segundos postos recoñecerase cunha cesta de produtos de comercio xusto e os terceiros cun lote de películas de temática social. Haberá tamén unha colección de libros do concurso fotográfico Revela, cortesía do Concello de Oleiros, para os centros de ensino que animen ao alumnado a participar.

Ata o 15 de outubro poderán presentarse obras fotográficas e audiovisuais que poñan en valor a mestura de nacionalidades, denuncien a discriminación das culturas minoritarias, desmonten estereotipos sobre determinadas etnias ou amosen accións solidarias coas persoas migrantes e refuxiadas, entre outras posibilidades. Unha vez pechado o prazo para a recepción das propostas, a cidadanía poderá votar os vídeos e fotografías a través do perfil do Fondo Galego en Facebook. Un xurado experto seleccionará logo os traballos gañadores entre os quince máis votados de cada sección e categoría.

O concurso ‘Imaxes con Fondo’ está aberto a persoas naturais de ou residentes en Galicia, que poderán presentarse só nunha das seccións -fotografía ou vídeo-, cun máximo de tres obras inéditas, acompañadas dun título significativo. A organización insiste en que unha boa idea pode ser máis importante que a calidade das imaxes.

As condicións para a presentación e as bases ao completo poden consultarse en www.fondogalego.org/web/imaxes_con_fondo e a organización atenderá ademais calquera dúbida a través do enderezo electrónico imaxesconfondo@gmail.com. O certame encádrase no Plan de activades 2016 do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, cofinanciado pola Xunta de Galicia.

O Fondo Galego
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 85 concellos e as deputacións da Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido máis de 150 proxectos en 25 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.