Precisa que os 30 equipos participantes farán por remudas un traxecto que chega case aos 800 quilómetros e durante os cales os corredores poderán explorar os seus límites e desfrutar do patrimonio que atoparán ao longo do traxecto
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, referiuse á Carreira do Peregrino, que chegará a Santiago desde Roncesvalles, como unha oportunidade para unir os valores do olimpismo cos valores xacobeos. “Estamos a falar dun evento que se celebra no Ano da Misericordia, ano olímpico e no 120 aniversario dos primeiros xogos da era moderna –Atenas 1886- e que, polo tanto, será unha excelente oportunidade para combinar os valores humanos que nos unen”, afirmou.
Durante o acto de presentación, Feijóo precisou que os 30 equipos participantes farán por remudas un traxecto inesquecible entre Roncesvalles e Compostela, un traxecto que chega case aos 800 quilómetros e durante os cales os corredores poderán explorar os seus límites, poñer a proba valores como o compañeirismo e o traballo en equipo e desfrutar do patrimonio que atoparán ao longo do traxecto.
O titular do Goberno galego incidiu en que a Carreira do Peregrino transitará polo Camiño Francés, que o ano pasado percorreron 172.000 peregrinos, é dicir, dous de cada tres persoas que fixeron o Camiño en 2015 (262.000 peregrinos en total), fixérono por esta ruta.
Logo de precisar que o Camiño de Santiago foi o punto de encontro de persoas procedentes de ata 178 países, Feijóo afirmou que este evento, que terá lugar desde o 19 de setembro ata o 24, pode chegar a converterse “na semente dun dos eventos máis fermosos do mundo, como é peregrinar facendo deporte”.
Logo de dar as grazas ao Comité Olímpico Español, “por apostar por Galicia”, Feijóo aproveitou o acto de presentación do evento para entregarlle ao presidente do Comité Olímpico Español, Alejandro Blanco, a distinción ao Mérito Deportivo de Galicia.