Os Puntos de Información Catastral son oficinas autorizadas pola Dirección Xeral do Catastro para que a cidadanía poida acceder dun xeito doado á información catastral sobre as súas propiedades, ademais de ofrecerlle un completo catálogo de xestións que se poden facer sen ter que desprazarse ás delegacións deste organismo estatal. O Concello de San Sadurniño acaba de solicitar incorporarse a esta rede de oficinas de maneira que, en breve, o servizo tamén se ofrecerá no rexistro municipal.
Na práctica, e salvo algunhas excepcións reguladas pola normativa, os Puntos de Información Catastral teñen as mesmas funcións que unha oficina do Catastro, xa que ademais de acceder aos datos das nosas propiedades tamén se poden realizar trámites comúns, como é a obtención de certificacións.
Máis en detalle, os PIC ofrecen os seguintes servizos:
Información de carácter xeral e particular sobre inmobles.
Asesoramento sobre obrigas perante o Catastro.
Notificacións por comparecencia en procedementos catastrais
Consulta libre e certificación de datos catastrais non protexidos e de cartografía dixital.
Servizo de consulta e certificación electrónica -para persoas titulares ou con delegación acreditada- de datos catastrais protexidos relativos a inmobles da súa titulariedade.
Servizo para calquera solicitante de certificación negativa de bens inmobles ou da circunstancia de non figurar como titular catastral.
O Catastro ten unha normativa moi estricta en canto ao acceso á información que contén datos protexidos. De aí que para acceder aos servizos que inclúen este tipo de información hai que ser titular catastral ou actuar como representante ou persoa autorizada, unha circunstancia esta última que sempre deberá estar acreditada coa correspondente documentación. Este servizo, o das solicitudes mediante representación, non se ofrece nos Puntos de Información Catastral, senón que debe tramitarse directamente na Xerencia do Catastro, ao igual que aquelas solicitudes en que non coincidan o NIF da persoa titular do ben e a da solicitante, algo que adoita ocorrer, por exemplo, no arranxo de herdanzas tras unha morte recente.
Hai máis supostos en que se seguirá tendo que ir directamente ás sedes do Catastro. Veñen recollidos no Texto Refundido da Lei do Catastro Inmobiliario e, máis concretamente, no seu artigo 53.
O Concello de San Sadurniño cursou a súa petición de converterse en PIC o pasado 12 de maio. De momento non houbo resposta por parte da Xerencia rexional do Catastro, aínda que se agarda que a solicitude se resolva en breve para comezar a prestar o servizo o antes posible.