Friday 22 de November de 2024

A Festa das Letras na Carballeira reuniu a máis de 500 rapaces e rapazas de Brión en torno á figura de Manuel María


Participaron nenos e nenas do CEIP de Pedrouzos, do IES de Brión e as escolas unitarias de Luaña, Bastavales e Os Ánxeles

2A carballeira de Santa Minia encheuse de poesía, música, baile e cantos tradicionais nunha nova edición da Festa das Letras na Carballeira, na que tomaron parte máis de cincocentos rapaces e rapazas do CEIP de Pedrouzos, o IES de Brión e as escolas unitarias de Luaña, Bastavales e Os Ánxeles. Un acto organizado polo Concello de Brión, en colaboración cos distintos centros educativos do municipio e cos membros de Protección Civil e da Policía Local, que escoltaron aos cativos no seu camiñar ata a carballeira.

Durante algo máis de dúas horas, polo palco da música da carballeira brionesa foron pasando dende nenos e nenas de pouco máis de tres anos a rapaces e rapazas de 15 anos que ofreceron distintas representacións culturais: lectura de poemas, baile tradicional, música de pandereteiras e grupos de gaitas… que non só deleitaron aos máis novos, senón que congregaron a bastantes veciños e veciñas de Brión.

O único fío argumental foi a figura de Manuel María, pois “dende o Concello de Brión queremos axudarvos a seguir profundizando no coñecemento do poeta da Terra Chá”, explicou a concelleira de Ensino, Yolanda Bouzas, quen aproveitou a presenza dos cativos na carballeira de Santa Minia para dar lectura a uns textos de Manuel María sobre estas árbores pois “poucas cousas hai tan grandiosas e tan fermosas como o zoar das carballeiras cando o vento as agarima e posee”

Programa restante

O intenso programa de actividades preparado polo Concello de Brión para a conmemoración do mes das Letras Galegas 2016 continuará a próxima semana: o luns 23 de maio terá lugar a representación de “O coelliño branco”, de Trinketrinke Teatro, dirixida ao alumnado de educación Infantil do CEIP de Pedrouzos (10:30) e das escolas unitarias da Luaña, Os Ánxeles e Bastavales 12:15 horas).

O mércores 25 de maio, Fantoches Baj presentará “O asombro con Manuel María” ao alumnado do segundo ciclo de Secundaria do IES Brión, ás 11:20 horas. Finalmente, o venres 27 de maio, ás 10:30 horas, Titereficciós presentará “Chove!”, unha obriña de teatro para bebés especialmente dirixida para os nenos e nenas da escola infantil municipal de Brión.