Saturday 16 de November de 2024

O CIM de Riveira traballa con alumnos de secundaria na creación dunha curtametraxe sobre prevención da violencia de xénero


 

O Concello de Riveira está a desenvolver actualmente a través do Centro de Información á Muller (CIM) diversos proxectos nos centros educativos do municipio, dende Primaria ata ESO. Un destes proxectos é un programa de coeducación no ámbito comunitario que conta co financiamento da Deputación da Coruña e que consta de diversos módulos: literario, audiovisual, plástica e novas tecnoloxías.

 

Xa deu comezo o módulo relacionado co mundo audiovisual. O que se pretende é incidir na prevención da violencia de xénero mediante a creación dunha curtametraxe.

 

O alumnado participante nesta actividade pertence o nivel educativo de cuarto da ESO dos seguintes centros: IES Nº 1, IES Leliadoura e colexios Bayón, Galaxia, Sagrado Corazón de Castiñeiras e A Milagrosa de Oleiros.
O 27 de outubro de 2014, levouse a cabo a primeira sesión formativa, onde se lle ofreceu información ao alumnado do  IES Nº1 sobre o desenvolvemento do proxecto. Abordouse a temática da violencia de xénero e a construción de guións cinematográficos para unha posterior rodaxe dunha curta os días 4 e 5 de decembro de 2014.
O prazo para presentación dos guións por parte do alumnado remata o venres 28 de novembro. Durante este período levarase a cabo sesións de apoio para asesorar sobre o proceso de construción e desenvolvemento dos guións.

 

Proxección
A proxección da curtametraxe levarase a cabo o día  16 de decembro  no Auditorio de Riveira (19.30 horas).