A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, participará nas charlas que se celebrarán a finais de maio e principios de xuño en Vigo, A Coruña, Lugo e Ourense
A Consellería de Economía, Emprego e Industria organiza xunto coa Agrupación Empresarial de Sociedades Laborais de Galicia (Aesgal) a partir do 30 de maio xornadas informativas nas catro provincias galegas para dar a coñecer aos emprendedores as vantaxes da nova Lei 44/2015, do 14 de outubro, de Sociedades Laborais e Participadas.
A Secretaría Xeral de Emprego organiza estas charlas coas que se pretenden difundir os obxectivos principais desta normativa que fomenta a participación dos traballadores e traballadoras nas empresas facilitando o seu acceso á condición de socio e incorpora novas medidas para asegurar o control da sociedade por parte dos traballadores, entre outras novidades.
As xornadas informativas terán lugar o día 30 de maio en Vigo, na Cámara de Comercio; o 1 de xuño na Coruña, no edificio administrativo de Monelos; o 6 de xuño en Lugo, na Fundación CEL; e o 8 de xuño en Ourense, no Centro La Molinera. O que se pretende é dar a coñecer, principalmente ás persoas interesadas en emprender e ao persoal técnico de asesoramento a emprendedores, o coñecemento desta forma xurídica. As xornadas tamén están dirixidas a traballadores e traballadoras, empresarios e estudantes. Os interesados en participar poden inscribirse e recibir máis información a través da páxina web http://www.aesgal.org ou a través da dirección de correo electrónico aesgal@aesgal.org.
A sociedade laboral representa unha forma de facer empresa na que as persoas traballadoras son as protagonistas. A nova normativa, de ámbito estatal, axiliza os trámites de compra e venda das accións ou participacións e establece tamén a figura da sociedade participada dentro da lexislación española.
En definitiva, a Lei presenta novidades e melloras para facilitar a creación de postos de traballo a través do autoemprego colectivo. Esta figura empresarial aposta polo emprego estable e de calidade, impulsa a Responsabilidade Social Empresarial e permite unha maior vinculación ao territorio, prioridades tamén da Axenda 20 para o Emprego, a nova planificación da Xunta en materia laboral.