A Xunta colabora desde 2009 coa ONGD para atender as necesidades máis urxentes das poboacións afectadas por catástrofes naturais e humanas
A Xunta de Galicia, en colaboración coa ONGD Farmamundi, activou unha resposta de emerxencia para brindar atención sanitaria á poboación refuxiada urbana en Nairobi, Kenia, ante o actual andazo de cólera.
O Goberno galego achegará 7.700 euros para esta intervención na que se proverá de kits hixiénico sanitarios e de potabilización a 2.500 persoas, así como de actividades de sensibilización e promoción da saúde.
Nesta actuación, Farmamundi contará coa colaboración de Foundation For Health and Social Economic Development Africa (HESED- África) o seu habitual socio local no terreo, quen coordina o seu traballo coas autoridades do goberno de Kenia.
Máis de 600.000 refuxiados en Kenia
Kenia é actualmente un dos países que alberga o maior número de persoas refuxiadas do mundo, segundo datos de la Oficina para la Coordinación de Asuntos Humanitarios da ONU. As últimas estatísticas rexistran un total de 603.881 persoas refuxiadas e/ou demandantes de asilo procedentes na súa maior parte de Somalia (70%), Sudán do Sur (16%), Etiopía (5%) e República Democrática do Congo (4%) habéndose identificado mais de 15.000 menores non acompañados.
A maior parte da poboación refuxiada atópase no campo de Dadaab, situado ao leste do país próximo á fronteira con Somalia. Actualmente se atopan rexistradas no campo un total de 221.938 persoas na súa maioría somalís que fuxiron dos conflitos que asolan o seu país. Outras 126.042 se atopan no campo de Alinjugur, 184.550 no campo de Kakuma, próximo á fronteira con Sudán do Sur, e 61.351 persoas refuxiadas en Nairobi.
A pesar das sucesivas ampliacións dos diferentes campos existentes, estes están colapsados e sen capacidade de acollida para todas as persoas que chegan, o que favorece a proliferación de asentamentos informais nos arredores dos campos e os desprazamentos ás cidades de miles de persoas refuxiadas que, ao non ter logrado rexistrarse nos campos, non teñen acceso aos servizos dispensados polas organizacións internacionais relativos ao aloxamento, alimentación, auga e servizos de saúde, saturando os xa de por si precarios recursos da poboación local, o que se traduce nunhas condicións de vida extremadamente precarias con gran vulnerabilidade.
A esta situación únese o feito de que en Kenia dende fai uns anos a condición de refuxiado soamente recoñece o dereito á non devolución, a lexislación non permite moverse libremente polo país nin traballar de forma remunerada. Esta medida, que foi adoptada de forma temporal, foise cronificando no tempo de forma que o/as refuxiados/as se ven abocados a vivir da asistencia humanitaria, que por outro parte é insuficiente para satisfacer as necesidades mais básicas.
Por se fora pouco, o Goberno keniata vén de anunciar o peche dos Campos de Dadaab e a disolución do Departamento sobre Asuntos de poboación Refuxiada, o que significa de facto que a poboación actualmente neses campos será repatriada aos seus países de orixe.
Neste contexto, cada vez son mais refuxiados/as que deciden abandonar os campos e asentarse en Nairobi, coa esperanza de atopar mellores oportunidades de subsistencia. Segundo datos de OCHA, o número de refuxiados actualmente asentados en Nairobi elevase a 61.351 persoas, cifra por outra parte infravalorada xa que non ten en conta o número de persoas refuxiadas non rexistradas que se teñen establecido na capital.
Os asentamentos informais son definidos pola Organización Internacional para as Migracións (OIM), como “áreas de vulnerabilidade” definindo estas como espazos nos que a saúde das persoas está en risco principalmente no relativo á prevaleza de enfermidades como a tuberculose, malaria, sarampelo ou relacionadas coa saúde materno infantil. Igualmente as precarias condicións hixiénicas e o limitado acceso ao saneamento básico e ao auga potable, así como as condicións de amoreamento, fan destes asentamentos o caldo de cultivo propicio para favorecer a rápida propagación de enfermidades infecciosas, como ocorre no caso do actual andazo de cólera no país.
En febreiro de 2015 detectouse o primeiro caso de cólera en Nairobi. A enfermidade, altamente contaxiosa, propagouse rapidamente pola cidade, especialmente nos asentamentos informais dos barrios periféricos e por outras comunidades, chegando a afectar a mais de 21 condados en todo o país. A pesar dos esforzos despregados para conter a propagación tense producido unha alarmante reactivación do mesmo a consecuencia das inundacións provocadas polo el fenómeno de El Niño.
Coa época de chuvias, expertos médicos e membros de organizacións médicas avisan que o andazo de cólera pode empeorar ante a falta de auga potable e as condicións sanitarias adecuadas. As últimas estatísticas dispoñibles, do 22 Marzo, revelan un total de 13.299 casos de cólera (216 falecidos), 1.924 dos cales rexistráronse na capital.
Colaborando desde 2009
Esta actuación súmase a outras que Xunta e Farmamundi realizan conxuntamente dende o ano 2009 no marco dos oito convenios de colaboración asinados para atender as necesidades máis urxentes das poboacións afectadas por catástrofes de orixe natural ou humano. O convenio deste ano asinouse o pasado decembro por importe de 50.000 euros.
Estes convenios establecen que as actuacións deben prestar especial énfase aos colectivos máis vulnerables, mediante a provisión inmediata de bens e servizos esenciais para a supervivencia -auga, abrigo, medicamentos, atención sanitaria u outro material de primeira necesidade-, en países e poboacións de menor Índice de Desenvolvemento Humano.
Ao longo destes anos de colaboración, a Xunta e Farmamundi teñen activado este tipo de resposta inmediata ante diferentes emerxencias acaecidas, como os tifóns Ketsana e Haiyan en Filipinas, o furacán Ida no Salvador, o terremoto e a epidemia de cólera en Haití, a crise humanitaria en Somalia e a República Democrática do Congo, as emerxencias por mor das choivas no Salvador e Nicaragua, a crise alimentaria no Sahel ou o conflito en Siria.