O Instituto dependente da Consellería de Economía, Emprego e Industria ofrece préstamos directos ou bonificados, así como liñas de axuda para cubrir ata o 35% de investimentos en novos equipamentos produtivos e xeración de emprego
O Igape disporá dun espazo propio na Feira Internacional da Industria Naval (NAVALIA), que se desenvolve en Vigo do 24 ao 26 de maio, co obxectivo de achegar información sobre os diferentes servizos e instrumentos de apoio á actividade empresarial, tanto para facilitar a realización de novos investimentos como para promover a ampliación, a diversificación ou o desenvolvemento de proxectos xa existentes.
A través do Igape e Xesgalicia, a Consellería de Economía, Emprego e Industria achega ao tecido produtivo distintas ferramentas, entre as que están o capital risco, os préstamos participativos ou directos e os préstamos bonificados ou avalados para facilitar o acceso a financiamento.
O Igape mantén igualmente aberto a novas solicitudes o programa Galicia Inviste, con liñas de axuda que poden cubrir ata o 35% de investimentos, comprendidos entre 50.000 e 900.000 euros, tanto en novos equipamentos produtivos como en proxectos xeradores de emprego. A finalidade destes programas é tratar de que as pemes conten sempre cos apoios adecuados as súas necesidades de financiamento, tanto en proxectos de investimento e creación de emprego como en iniciativas para acceder a novos mercados.
A través de Xesgalicia, por outra banda, apóianse os investimentos empresariais en Galicia, sexa cal sexa a fase de desenvolvemento dos proxectos: arranque e primeiro crecemento, a través do Fondo Galicia Iniciativas Emprendedoras; consolidación e crecemento, mediante os Fondos Xes Innova e I2C; diversificación e desenvolvemento, co apoio de Sodiga ou o Fondo Emprende. Mediante estes instrumentos, no marco dos programas Galicia 1000 e Galicia Inviste, a Consellería de Economía, Emprego e Industria busca que ningún proxecto empresarial viable quede sen desenvolver por falta de instrumentos de apoio adecuados ás súas necesidades concretas de financiamento.
Ademais, a aula Xunta de Galicia acollerá a celebración de xornadas técnicas que abordarán aspectos como a construción naval 4.0, o GNL como combustible marítimo ou a innovación aplicada á construción de buques pesqueiros, entre outros.