Friday 22 de November de 2024

Feijóo traslada ás entidades que representan o colectivo down o compromiso da Xunta coa igualdade e a integración plena das persoas con discapacidade


Sinala que o Goberno galego incrementou por terceiro ano consecutivo o orzamento para a discapacidade, ata alcanzar os preto de 94 millóns de euros

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, subliñou nunha xuntanza informal con motivo da celebración do II Encuentro nacional de jóvenes Down España, o compromiso do Goberno galego coa igualdade e a plena integración das persoas con discapacidade na sociedade e no mercado laboral.

Para acadar este obxectivo, a Xunta, a través da Consellería de Política Social, incrementou por terceiro ano consecutivo o orzamento para a discapacidade ata alcanzar os preto de 94 millóns de euros, o que supón un incremento do 24% nos últimos anos.

Feijóo falou sobre este e outros temas durante un almorzo que mantivo cun nutrido grupo de mozas e mozos con síndrome de Down, no que tamén escoitou con atención as súas inquedanzas e respondeu ás preguntas que lle formularon.

O Goberno galego vén de aprobar a Estratexia Galega sobre a Discapacidade 2015-2020, que conta con 460 medidas e varias liñas de intervención que pretenden redundar no benestar dos galegos e galegas, facilitando ás persoas con discapacidade a accesibilidade, a autonomía persoal, a educación, a formación e o acceso ao emprego.

O presidente afirmou que isto é unha evidencia máis de que mellorar a calidade de vida e o devir cotián das persoas con capacidades diferentes é unha prioridade para a Xunta de Galicia e concentra boa parte dos seus esforzos. En todo caso, Feijóo destacou que a plena integración en todos os ámbitos das persoas con síndrome de Down requirirá da implicación do conxunto da sociedade, o mundo empresarial e, por suposto, as Administracións públicas.

Nese sentido, lembrou que a Oferta de Emprego Público da Xunta incluirá este ano no eido da Administración xeral 35 prazas reservadas para persoas con discapacidade, o 8,1% das prazas de acceso libre. Dixo tamén que a presenza de traballadores con discapacidade está a aumentar e seguirá aumentando progresivamente na Administración pública galega.

O presidente da Xunta quixo agradecer ás entidades e asociacións específicas para o síndrome de Down o apoio que brindan a estas persoas, que representan a singularidade dentro da diversidade, e ás súas familias. A este respecto, sinalou que o Goberno galego, sendo consciente do importante labor que desenvolven estas entidades, incrementou este ano a contía do convenio coa Federación Down Galicia nun 10%, ata alcanzar a cifra de 446.838 euros.

Finalmente, trasladoulle aos distintos movementos asociativos alí presentes a súa intención de seguir traballando para suprimir barreiras e atrancos.