A Praza do Concello de Fene encheuse este mediodía de flores e música nun acto organizado pola comunidade escolar do Ceip Centieiras de Perlío para recuperar a tradición dos Maios. Segundo informan dende a dirección do centro, como colofón das actividades que os alumnos/as do centro realizaron nos últimos días e que consistiron na confección de alfombras florais e de dous maios -un de Infantil e outro de Primaria-, esta mañá o alumnado, o profesorado e moitos pais e nais dos nenos/as realizaron un desfile cos Maios dende o colexio ata a Praza do Concello. Alí, todos xuntos e arredor das dúas construccións florais, cantaron e bailaron dúas cancións populares e tocaron e cantaron unha parte do himno galego. Ao remate, volveron ao colexio onde repetiron os cantos e bailes na pista polideportiva do centro “nunha xornada de convivencia cultural e festiva”.
Segundo o director do Ceip Centieiras, Antón Pena, “unha das actividades centrais do colexio Centieiras durante o mes de maio é a celebración das Letras Galegas e, nesta celebración, ten un oco fundamental a recuperación da nosa cultura. Así, desde hai xa moitos anos, compleméntanse as actividades literarias coa cultura das flores, coas que se confeccionan maios e alfombras e se decora o centro”.