Sete van ser os grupos de teatro que forman parte do cartel da XIX Mostra de Teatro Infantil de Riveira: un programa incardinado no Maio Cultural que dará comezo o vindeiro martes 24 de maio e se prolongará durante catro xornadas ata o venres 27.
A concelleira de Cultura Fabiola García foi a encargada de presentar esta actividade, cuxa hora de celebración será ás 20 horas podéndose retirar as entradas (gratuítas) media hora antes.
En total serán case 150 artistas os que se suban ao escenario pero máis de 300 os participantes, pois moitas nenas e nenos, profesorado, directivos das Anpas e familiares dos artistas colaboran nas tarefas de decoración, ensaios, traslados, etc…
A cita arrancará o 24 con dúas actuacións: a do grupo de teatro do colexio A Milagrosa de Oleiros con “La Pirata Ofelia” para proseguir co grupo de teatro do colexio Galaxia e “A profecía de Nostradamus”.
O mércores subiranse ás táboas do Auditorio o grupo de teatro Bayón con “Frözen el Musical” e o grupo de teatro do CEIP O Grupo con “Co cu ao aire”.
O xoves será turno para o grupo de teatro da ANPA Monte Tahume do CEIP Olveira (“Las almas de la fiesta”) e o grupo de teatro da ANPA Bandaseca do CEIP Salustiano Rey Eiras de A Pobra (“En el bosque”).
Por último, o venres 27 actuará o grupo de teatro da ANPA do colexio Bayón antes de proceder ao acto de clausura e a entrega de agasallos.
Non actuará esta vez o Grupo de Teatro Infantil Municipal por atoparse de baixa o seu director, Chiki Durán, a quen Fabiola García desexou unha pronta recuperación.