Saturday 16 de November de 2024

Aprázase a derradeira xornada de visitas guiadas a Navantia Fene


A dirección de Navantia e o Concello de Fene acordaron suspender as visitas programada para este domingo, 22 de maio, en sinal de loito polo falecemento onte dun traballador no estaleiro. Así, as dúas últimas visitas guiadas a Navantia Fene (xona Jackets Wikinger e Hywind) realizaranse o vindeiro domingo 29 de maio. A día de hoxe, xa están prácticamente cubertas as prazas para a quenda das 12:30 horas pero aínda quedan prazas libres para a quenda das 10:30. O prazo para anotarse finalizará o vindeiro venres 27 ás 10:00 horas.
A inscrición pódese facer por calquera destes dous procedementos:
• Por correo electrónico: enviando a ficha de inscrición, que poden descargar dende a páxina web fenecidan.gal, cuberta en todos os seus extremos, ao seguinte enderezo visitasnavantia@fene.gal. De optar por esta opción, teñen que agardar a recibir o correo de confirmación.
• Presencialmente no Departamento de Cultura e Deportes (Avenida de Naturais,44, entresollado dereita) en días laborables, de luns a venres, en horario de 8:00 a 14:30 h.
As visitas a Navantia Fene (zona JacketsWikinger e Hywind) teñen unha hora e media de duración. No momento da visita proporciónaselle ao público asistente as EPI a empregar (casco, lentes de protección e chaleco reflector). É necesario vestir calzado axeitado, evitando o talón alto e zapato inestable ou esvaradío.
Poden participar os menores de idade, sempre acompañados dun adulto. Dadas as condicións do solo dos talleres, non poden usarse carriños de bebé.
Queda prohibida a utilización do móbil no interior dos talleres e, de maneira expresa, tirar fotografías ou vídeos nestes espazos. Non obstante, si se poden utilizar os móbiles e as cámaras fotográficas no exterior dos talleres.
A entrada ao estaleiro faise pola entrada das Pías e os participantes teñen que vir provistos do seu DNI.