O galardón, que recoñece aos produtos turísticos de maior calidade, foi concedido á iniciativa ‘Outono Gastronómico’, posta en marcha por Turismo de Galicia
O delegado da Casa de Galicia en Madrid, José Ramón Ónega López, recolleu onte o premio ao Mellor Produto de Turismo Activo, na modalidade de Enogastronomía, para o “Outono Gastronómico”, unha actividade posta en marcha por Turismo de Galicia. O galardón foi concedido no concurso anual que convoca Fitur e a revista Aire Libre para proxectar as ofertas turísticas de maior calidade e potenciar o desenvolvemento e a comercialización da industria turística.
O “Outono Gastronómico” é un produto turístico de alta demanda que o pasado ano celebrou a súa novena edición e no cal participaron, desde a súa posta en marcha, máis de 50.000 persoas. A iniciativa permite disfrutar de estadías singulares e da gastronomía galega nos preto de 100 establecementos rurais galegos participantes, que elaboran menús específicos para a ocasión con produtos de tempada. A experiencia suma o atractivo natural de Galicia nesta época do ano.
A campaña ten moi boa acollida entre os visitantes e o propio sector, conseguindo dinamizar o turismo rural durante o outono. Con este tipo de iniciativas, Turismo de Galicia procura desestacionalizar o turismo na Comunidade e ofrecer unha oferta multiexperiencial.
O xurado do concurso, composto por profesionais do turismo, medios de comunicación, representantes do sector turístico e lectores da revista Aire Libre, enxalzou a acertada combinación da gastronomía galega coa acolledora estancia en casas rurais, a prezos moi competitivos e nun contorno único como é o outono galego.