Friday 22 de November de 2024

Touro pretende impulsar a través do GDR Ulla-Tambre-Mandeo a creación dunha ruta de sendeirismo de longo percorrido no Ulla e lograr a medio prazo que este espazo natural sexa recoñecido como Reserva da Biosfera


Os concellos integrados no GDR Ulla-Tambre-Mandeo fixan en Fonte Díaz as medidas concretas e as accións de promoción deste territorio ata finais da década

Touro foi escenario o pasado mércores, día 18 de maio, dun novo encontro de traballo do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Ulla-Tambre-Mandeo encargado de desenvolver o programa Leader 2014-2020. Os técnicos do GDR, xunto cos concellos, xa están elaborando as medidas e accións para poñer en marcha. A inicios de xullo remata o prazo para a presentación dos proxectos. A finais do verán coñecerase qué proxectos contarán con apoio orzamentario.

Os técnicos do GDR Ulla-Tambre-Mandeo, integrado por Arzúa, Melide, Boimorto, Santiso, Touro, Toques, O Pino, Sobrado e Vilasantar, mantiveron en Fonte Díaz unha reunión con Axentes de Emprego e Desenvolvemento Local e coa poboación en xeral.
Na reunión, que serviu para definir as medidas e accións concretas que sirvan para dinamizar este territorio durante os próximos seis anos, o Concello de Touro apostou por “promocionar o río Ulla como recurso turístico ambiental, sostible e accesible”. No ámbito da cooperación apostouse pola “creación dun producto turístico arredor do río Ulla dende o nacemento ata a desembocadura”. Aí inclúese o proxecto de diseñar e poñer en marcha unha ruta homologada que percorra tódolos concellos bañados por este río. Dende o GDR Ulla-Tambre-Mandeo convocarán unha reunión cos GDR que tamén teñen concellos que percorre o Ulla e que son: GDR Miño-Ulla, GDR Terras de Compostela e GDR Deloa. “Nas próximas semanas reunirémonos para plantexar un proxecto conxunto no eido da cooperación que afectaría aos 20 concellos bañados polo Ulla”, explican os técnicos do GDR Ulla-Tambre-Mandeo.

Os concellos integrantes do GDR Ulla-Tambre-Mandeo, co de Touro ao frente, recoñecen que o obxectivo a medio prazo é que o Ulla e o seu entorno natural poida ser recoñecido coa figura de Reserva da Biosfera. “Tería unhas ventaxas que repercutirían en beneficio deste territorio”, apuntan os expertos do GDR. Galicia conta con seis espacios recoñecidos polo programa Home e Biosfera da Unesco (Rede Mundial de Reservas da Biosfera), que promove o desenvolvemento sostible basado na mellora da relación do ser humano co seu entorno. Os espazos galegos son: Área de Allariz, As Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, Os Ancares e montes de Navia, Cervantes e Becerreá, o río Eo, Oscos e Terras do Bourón, Terras do Miño e Xurés.

Entre as medidas concretas de difusión deste territorio, tamén se acordou impulsar o estudo e publicación dunha guía coas principais especies vexetais e animais do Río Ulla.
O Concello de Touro tamén mostrou interese na promoción e recoñecemento da Ruta o Holandés, vía alternativa ao Camiño Francés para peregrinos en bicicleta. O Concello que preside Ignacio Codesido entende que a estratexia de futuro debe apoiarse no río Ulla. Considera que este río ten que exercer de eixo vertebrador e cree que o territorio debe explorar a súa potencialidade para convertilo nun factor diferenciador capaz de xerar riqueza.

O GDR tamén está diseñando as accións en materia de industria e comercio para mellorar a innovación e potenciar empresas tecnolóxicas, diversificar e mellorar o tecido empresarial e potenciar o asentamento de empresas e facilitar o emprendemento. No eido agro-gandeiro quedou claro a necesidade de facer do queixo DOP Arzúa-Ulloa e dos productos agroalimentarios un reclamo turístico. Tamén se proponen mellorar a súa diversificación e comercialización. O GDR Ulla-Tambre-Mandeo proponse, coas medidas que poñerá en marcha, crear emprego, mellorar servizos, apostar pola sustentabilidade, fomentar a economía productiva apoiándose no territorio e impulsar a innovación, entre outros obxectivos.