A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, explicou o funcionamento do novo plan, que busca unha mellora na empregabilidade destas mulleres co obxectivo de acadar a súa independencia económica e persoal
A secretaria xeral de Igualdade da Xunta, Susana López Abella, acompañada da subdirectora xeral de tratamento para a violencia de xénero, María Belén Liste Lázara, informou hoxe a distintos colectivos de iniciativa social da provincia da Coruña da recente publicación da orde de subvencións para o desenvolvemento de programas de inserción laboral dirixidos a mulleres en situación de violencia de xénero.
O encontro, ao que acudiron representantes dunha trintena de entidades sociais e mesmo de Centros de Información á Muller (CIM) da provincia, tivo lugar no salón de actos da Delegación Territorial. Alí, os asistentes coñeceron en detalle este novo programa, pioneiro en España e que conta cun orzamento de 975.000 euros.
Segundo explicou Susana López Abella, o plan articúlase a través de subvencións a entidades sen ánimo de lucro que presenten proxectos encamiñados ao desenvolvemento de actuacións de orientación laboral, formación ou apoio á conciliación e que estean directamente dirixidos a mulleres vítimas de violencia de xénero.
Así, o obxectivo final do programa é apoiar a estas mulleres na súa integración ou reintegración no mercado laboral como elemento clave para a súa recuperación integral, xa que a falta de recursos propios e a falta dun posto de traballo dificulta a ruptura da situación de violencia que están a vivir estas mulleres. “A inserción sociolaboral é un mecanismo fundamental e clave para que unha muller que sufriu violencia de xénero acade a independencia económica e persoal necesaria para rachar os vínculos co seus agresor e conseguir unha efectiva recuperación integral”, puntualizou a secretaria xeral de Igualdade.
No que respecta ao traballo da Xunta con este colectivo, Susana López Abella reivindicou o “compromiso total” de articular unha resposta global á problemática da violencia de xénero en calquera das súas modalidades e consecuencias a través dunha asistencia integral ás mulleres vítimas e ás persoas ao seu cargo, fortalecendo a prevención para avanzar na erradicación desta lacra, polo que é preciso dotar ás vítimas da violencia de xénero das ferramentas necesarias para incorporarse ao mundo laboral e obter independencia económica.
Accións subvencionables
Serán accións subvencionables o desenvolvemento de programas de inserción laboral dirixidos a mulleres en situación de violencia de xénero en Galicia, coa finalidade de apoialas na súa integración ou reintegración no mercado laboral, como elemento clave para unha recuperación integral, a través de accións de itinerarios de inserción, que poden comprender accións coma diagnóstico competencial e deseño dun plan de acción personalizado para a busca de emprego para cada participante; orientación profesional e asesoramento laboral para o emprego; busca activa de emprego con acompañamento e seguimento da dita busca; intermediación laboral e contacto con empresas xestionando as posibles ofertas; asesoramento/apoio na empresa en prácticas profesionais non laborais ou similar; prospección de emprego; seguimento da inserción nas empresas, se é o caso, e avaliación do traballo realizado; ou outras actuacións dirixidas a incrementar as expectativas de mellora da empregabilidade e as posibilidades de inserción laboral das mulleres en situación de violencia de xénero.
Tamén serán obxecto do programa accións encamiñadas á formación para o emprego, tanto a formación específica por sectores profesionais como accións formativas que teñan como finalidade adquirir as competencias clave, formación lingüística, formación en coaching e/ou intelixencia emocional ou formación relativa ás características da sociedade de acollida no caso de mulleres inmigrantes.
Así mesmo, as actuacións de apoio á conciliación, a través da posta á disposición de servizos de atención persoal e/ou familiar, ben no fogar ou ben nun recurso comunitario, terán cabida neste novo programa.