Saturday 16 de November de 2024

O Concello pon en marcha o Plan de Vivenda Baleira para facilitar o seu alugueiro a prezos accesibles


O Concello de Santiago vai poñer en marcha un Plan de Mobilización de Vivenda Baleira, co obxectivo de facilitar o seu alugamento. O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade deu conta hoxe do inicio da primeira fase deste programa, que lle foi encargado á cooperativa de servizos sen ánimo de lucro SUMAE. Na rolda de prensa, Jorge Duarte estivo acompañado por Iker San Román, director da Área de Vivenda e Intervención Urbana de SUMAE e exdirector xeral do Servizo Vasco de Vivenda (Etxebide).

Duarte explicou que a primeira fase do plan consistirá na elaboración dun inventario e filtrado das vivendas baleiras do municipio. Para iso, partirase de datos de empadroamento, IBI e rexistros sobre o consumo de auga ou electricidade. O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade explicou que os datos do Instituto Nacional de Estatística falan dunhas 9.000 vivendas baleiras en Compostela, “pero esas cifras non adoitan ser reais, e non todas os pisos desocupados poden ser postos no mercado do alugueiro”. O inventario servirá para facer unha diagnose da situación da vivenda baleira, coñecer aos seus propietarios, sexan bancos ou particulares, e analizar por que non están no mercado do alugueiro. Está previsto que no prazo dun mes e medio estea rematada esta primeira fase.

Jorge Duarte apuntou que, unha vez analizada a situación, o Goberno local definirá as medidas a adoptar para facilitar que as vivendas baleiras sexan postas en alugueiro. O habitual é que o Concello exerza un papel de mediador, “de xeito que os propietarios se comprometan a fixar un prezo accesible para o aluguer, a cambio de estaren máis protexidos fronte ás faltas de pagamento ou os posibles danos dos seus pisos e asesorados desde o punto de vista legal”. O concelleiro de Dereito á Vivenda sinalou que o orzamento definitivo do programa dependerá das medidas que se consideren necesarias despois da elaboración da diagnose inicial.

Outras experiencias
Na presentación da primeira fase do Plan de Vivenda Baleira participou Iker San Román, director da Área de Vivenda e Intervención Urbana de SUMAE, e exdirector xeral do Servizo Vasco de Vivenda (Etxebide). San Román explicou a filosofía deste programa, que funcionou con éxito en municipios vascos como Balmaseda, Leioa ou Ugao. Segundo apuntou, “o labor de mediación nas administracións locais no arrendamento destes pisos facilitou prezos accesibles, por exemplo, para mozos que se querían independizar pero que non podían permitirse os alugueiros do mercado”. Nese sentido, insistiu en que “os plans de mobilización de vivenda baleira non están dirixidos ás persoas en risco de exclusión social, senón ao conxunto da cidadanía, con beneficios para os arrendatarios pero tamén para os arrendadores, que moitas veces non poñen as súas vivendas no mercado por medo ou inseguridade”.

Nesa liña, apuntou que “cando o Concello aparece como aliado e cando hai un teléfono municipal ao que os propietarios das vivendas baleiras poden acudir coas súas dúbidas, é moito máis fácil que accedan a poñelas no mercado e non lles importan rebaixar os prezos”.

Jorge Duarte salientou o valor engadido que supón a participación de Iker San Román neste proxecto, “pola súa experiencia á fronte do Servizo Vasco de Vivenda”. O concelleiro lembrou que Euskadi é un dos poucos lugares do Estado nos que “as administracións públicas asumiron o seu deber de garantir un dereito recollido na Constitución como o que é o do acceso a unha vivenda digna”.