A sesión terá lugar neste sábado, ás 12.00 horas, no Centro Cultural Lustres Rivas
O Día das Bibliotecas conmemórase cada 24 de outubro e o Concello de Ribeira celebrará esta efeméride coa presentación do libro Folerpas no mar, da escritora, mestra e presidenta da Asociación Cultural Barbantia, María Xesús Blanco, quen achegará a súa obra á rapazada ribeirense en formato de contacontos, para dar a coñecer as historias de Zahi e da cadeliña Furna na aldea de Buxaina.
Esta sesión terá lugar no sábado, 24 de outubro, ás 12.00 horas, no Centro Cultural Lustres Rivas e está dirixido a nenos e nenas de 3 a 12 anos coas súas familias. A entrada é libre e gratuíta, previa inscrición no enderezo electrónico normalizacion@ribeira.gal. Repartirante tamén agasallos entre o público asistente.
A concelleira de Educación, Nucha Brión, manifesta que “asistiremos a un novo Sábado de Conto que será moi especial ao contar coa escritora e veciña María Xesús Blanco e o seu último libro. Unha boa ocasión para achegarlles aos máis pequenos lecturas de calidade, crear neles o hábito lector e potenciar a creadores da nosa contorna.”




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.